Rali do Lacón Clásicos e 2º Enduro Concello de Piñor, nesta fin de semana
A XI edición do Rali do Lacón Históricos contará cun total de 58 coches inscritos, anteriores a decembro do ano 1979, e que proceden de toda Galicia. A saída terá lugar ás 16,00 h., do sábado, 23 de marzo, dende a Praza da Veracruz, onde se ubicará o parque pechado, e rematará sobre as 21,00 h., no que se fará a entrega de trofeos.
O evento foi presentado no anfiteatro da Praza da Veracruz polo concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e directivos da escudería A.C. Arenteiro Clásicos, que o organiza.
Ainda que o percorrido é secreto, pois aos pilotos e copilotos só se lles entregará un plano coas indicacións do itinerario e horarios dos controles, o rali fará unha ruta de 150 km por estradas do Carballiño, Cea, Piñor, Arenteiro e O Irixo. Establecerase a hora de paso por cada punto de control, de forma que a velocidade media en cada tramo sexa de 50 km/h.
Manuel Dacal agradeceu o esforzo que realiza a escudería A.C. Arenteiro Clásicos para organizar ese rali, e adiantou que será a primeira actividade deportiva do motor importante das tres que se celebrarán no Carballiño esta tempada.
Neste sentido, resaltou o gran interese que ten para o turismo, a hostalería e o comercio, este tipo de probas que atraen a moitos participantes de fóra e a moitos visitantes e afeccionados.
2º Enduro Concello de Piñor
A matinal deste domingo dia 24 de Marzo cita aos afeccionados ao enduro nas terras do concello de Piñor.
Máis de 200 participantes tomarán parte nas probas, que se iniciarán a partir das 10 da mañá no monte de Cestos, nas inmediacións da localidade de Cotelas, e continuarán despois en pistas de terra no monte da Madanela, para completar a xornada no campo da festa do pobo de Arenteiro.