Os socialistas censuran os traballos de mantemento de estradas da Deputación, que califican de "masacre ecolóxica"
Os sociaslitas de Leiro lamentan a actuación da Deputación á que acusan "por motivos ecolóxicos e de dano o medio ambiente".
No ribeiro, concretamente nos concellos de Leiro e Cenlle, as brigadas de traballo do ente provincial comezaron os traballos de roces na estrada que une Carballiño con Cabanelas e na de San Clodio-Rioboo. Uns traballos que "se converteron nunha auténtica masacre a nivel ecolóxico, ca tala de piñeiros, salgueiros, carballos ou érbedos",critican os sociaslitas.
O PSdeG-PSOE da localidade de Leiro censura esta práctica, "a que se suma posteriormente, o uso de herbicida para queimar os restos dos roces, sen pensar no dano que se está facendo o ecosistema, xa que nas inmediacións hai ríos", subliñan.
O voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez non da creto o acontecido “non entendo como a Deputación de Ourense, un ente público, pode cometer atrocidades deste tipo contra o medio ambiente e causar estes estragos nun recuncho tan fermoso coma o Ribeiro”.
Os socialistas critican tamén que os restos desta tala indiscriminada queden tirados nas cunetas, sen retirar e co uso de herbicidas. “Non contentos con talar árbores centenarias e especies autóctonas, deixan a maleza toda nas cunetas e para rematar a faena, bótanlle herbicida co obxectivo de queimar a maleza, causando un severo problema nos ríos de arredores”, explica o voceiro socialista.
Para Manuel Rodríguez é "un escándalo" a actuación da Deputación. “O que non pode ser é que a administración pídalle a veciñanza que limpe as súas fincas, propiedades e montes e despois, sexa o ente público o que fai todo o contrario, coa tala indiscriminada de érbedos, carballos, piñeiros ou salgueiros”, remarca
Os socialistas explican que están de acordo nas limpezas de cunetas, pero non nos traballos feitos pola Deputación, co rozado de máis de 5 metros exteriores a cuneta e que se introducen no monte.
Finalmente, manifestan que“foi un traballo feito de forma salvaxe e premeditada, sen pensar nas consecuencias que tería para o ecosistema”.