A Xornada de Portas Abertas da Ruta do Viño do Ribeiro incluirá visitas teatralizas a Pazos de Arenteiro e o Mosteiro de San Clodio e unha variada programación enogastronómica
A Ruta do Viño do Ribeiro presenta as actividades para a VIII Xornada de Portas Abertas nas Rutas dos viños de Galicia, ofrecendo a tódolos públicos un completo programa de propostas enoturísticas, no que continúa, un ano máis, o ViñoBus da Ruta do Viño do Ribeiro. NA presentación desta programación participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Casares; e a xefa territorial de Cultura en Ourense, Sandra Quintas.
O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia do sector vitivinícola na provincia de Ourense afirmando que o viño é "un magnífico embaixador da nos aterra e das nosas xentes" e lembrou o apoio da institución provincial "ás catro denominacións de orixe da nosa provincia, porque somos conscientes de que este sector, estratéxico na economía ourensá, contribúe a fixar poboación, xerar riqueza e dinamiza o desenvolvemento social e económico dos nosos territorios".
Neste mesmo sentido, a xefa territorial de Cultura en Ourense dixo que Ourense é "un referente no sector vitivinícola grazas á calidade dos seus caldos" e salientou o "apoio firme da Xunta coa cultura do viño", con este tipo de iniciativas como a Xornada de Portas Abertas nas rutas dos viños de Galicia que é "unha das experiencias de máis éxito do turismo galego".
O programa de actividades previsto para as xornadas, que se celebrarán os días 8 e 9 de xuño, inclúe visitas ás adegas adheridas á Ruta do Viño do Ribeiro e a desgustación dos seus viños, en horario, o sábado 8 de xuño, de 11.30 a 13.00 e ás 17.00 horas e ás 12.00 horas o domingo, 9 de xuño. Tamén terán os visitantes a oportunidade de gozar de experiencias enogastronómicas con menús especiais que ofrecen os restaurantes, así como descansar entre viñedos, xa que os aloxamentos que participan ofrecerán prezos especiais nas súas estadías.
Ademais, a organización das VIII Xornadas de Portas abertas quere repetir a experiencia co ViñoBus, para facilitar e promover a participación de público de diferentes puntos de Galicia. Deste modo, sairán autobuses dende Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra, que percorrerán, acompañados de guías turísticas profesionais, as diferentes adegas que participan na Xornada.
Nesta edición terá unha especial importancia a promoción do patrimonio histórico ao ser entendido como un recurso moi vencellado á cultura do viño e á súa importancia neste territorio. Por esta razón, as rutas do viño bus inclúen visitas teatralizadas de lugares tan relevantes como o Mosteiro de San Clodio en Leiro ou a Pazos de Arenteiro, ou ao casco histórico de Ribadavia.
O sábado 8 de xuño, as rutas dos ViñoBus rematarán en Ribadavia onde a partir das 20.00 horas, poderán gozar da gastronomía que ofrecen os restaurantes socios da Ruta do Viño do Ribeiro, no Sábado de Tapeo con sabor a Ribeiro, que terá lugar na Igrexa da Madalena e a entrada ten un custe de 5 euros. Caldaria, Gastro Bar O Birran, Nautico Castrelo de Miño, Tapería Val do Deva e Sábrego Restaurante ofrecerán pinchos elaborados exclusivamente para esta Xornada que serán acompañados de Viños das adegas da D.O. Ribeiro socios da Ruta.
O domingo 9 de xuño, AMECHIR, o Museo Etnolóxico e o Concello de Ribadavia, organizan a Andaina O Camiño do Viño. Ribadavia- Compostela// Etapa 1. Esta actividade, enmarcada na promoción da Ruta do Viño do Ribeiro para 2019, está centrada na identificación desta Ruta como o Camiño do Viño, co obxecto de poñer en valor a relevancia histórica do Ribeiro na cultura do viño de Galicia e a súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela. A ruta comezará ás 9.30 horas en Ribadavia, e pasará por Santo André de Camporredondo, Esposende ou Pazos Hermos, incluíndo teatralización de escenas do camiño dos Arrieiros.
Como remate desta VIII Xornada de Portas Abertas a Ruta do Viño do Ribeiro ofrece a posibilidade de viaxar polos diferentes vales desta Denominación de Orixe a través dos seus viños. O domingo, 9 de xuño, sairá un autobús dende o parque de San Lázaro, en Ourense, para conducir aos participantes ao Pazo Carballo, en Ribadavia, onde se degustarán os viños elaborados no Val do Miño. A segunda parada será en Arnoia Caldaria, para coñecer os viños do val do Arnoia e o percorrido finalizará en Pazo de Esposende (Ribadavia) para gozar con viños do Val do Avia, acompañados de petiscos.
Os socios da Ruta do Viño do Ribeiro tamén ofrecerán actividades a nivel individual para promover a participación do público. Así, as Adegas Celme propoñen, para o sábado, 8 de xuño, ás 18.30 horas, unha cata maridaxe Celme, pan e queixo, que inclúe visita á adega con cata e degustación de queixos das catro Denominacións de Orixe, acompañada pola Sumiller Mercedes González. Para o domingo, Adegas Celme organiza unha andaina ao Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño e, posteriormente unha cata no lagar milenario no que se facía o viño no século I d. C, ás 12.30 horas con saída da mesma adega.
Pola súa parte, Bodegas Cunqueiro ofrece para o domingo, 9 de xuño, ás 11.00 horas, unha visita de formación polos 100 anos de historia da adega con degustación de viño das fincas visitadas. Mentres que, Casal de Armán prepara un paseo a cabalo con degustación de viño na súa finca para os días 8 e 9 de xuño, ás 11.00 horas, previa reserva, para un mínimo de 4 persoas.
A organización espera "continuar a incrementar o número de participantes nesta edición, tendo en conta a liña ascendente que experimenta o evento desde que se celebra", salientou Juan Casares. Neste mesmo sentido, o presidente da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro destacou o éxito da actividade do ViñoBus que "esgotou os billetes en 15 días, desde que se puxeron á venta, tendo lista de espera en case tódalas liñas".
Para máis información ou para as reservas: www.rutadelvinoribeiro.com.