Comezan as obras de reforma enerxética no CIP Terras de Maside, que financia a Consellería de Educación cun orzamento de 435.550 euros
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o CPI Terras de Maside para analizar co equipo directivo do centro e cos técnicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional as obras de rehabilitación enerxética que se van executar durante este verán. Estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puso en marcha en 2016 en todo Galicia e que continua no presente exercicio con actuacións no colexio de Maside.
Na visita, a delegada territorial estivo acompañada da xefa territorial do departamento autonómico que dirixe Carmen Pomar, Luz Fernández Quintas e persoal técnico da xefatura territorial, asi como polo alcalde de Maside José Manuel Iglesias.
Nela expúxose o cronograma das obras, que teñen un prazo de execución de dous meses e que está previsto se realicen no verán para interferir o menos posible na actividade lectiva. O orzamento de adxudicación desta actuación ascende a 435.550 euros.
Con eles acometeranse traballos para a mellora da eficiencia enerxética, en concreto o illamento da fachada, a substitución de ventás de carpintería de aluminio de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo con sistema de apertura oscilobatente, a instalación de novas persianas na planta baixa e a substitución de luminarias por unhas novas de alta eficiencia enerxética con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos.
Segundo explicou Díaz Mouteira, todos estes traballos de rehabilitación integral permitirán un aforro enerxético do 21,2 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 22,6 % en emisións de CO2.
Ademais substituiranse os falsos teitos existentes por un sistema rexistrable con panel acústico de lá de roca, renovaranse as cubertas dalgunhas aulas, mudaranse canlóns e baixantes nos patios interiores e nas zonas de cuberta que se renovan e colocaranse válvulas termostáticas nos radiadores e instalarase un programador horario na instalación de calefacción, entre outras actuacións.
En opinión da delegada territorial, “a comunidade educativa atopará o vindeiro curso un centro renovado, máis cómodo e axeitado ás súas necesidades, e máis eficiente e respectuoso co medio ambiente”.