O Teatro sae a escena a diario entre o 2 e o 6 de Setembro, cunha nova edición do Festival de Teatro Galego, dedicado este ano a Celso Parada
O Carballiño volve acoller unha nova edición do Festival de Teatro Galego, organizado pola asociación FETEGA, que lidera a actriz carballiñesa Josi Lage.
O Festival conta coa colaboración económica de AGADIC, Deputación e Concello do Carballiño, e está este ano dedicado á memoria do actor galego Celso Parada, falececido recentemente, e durante moitos anos un fixo no programa do certame teatral carballiñés.
As obras de teatro que se representarán no Auditorio Municipal do Carballiño, ás 22.00 horas, comezarán o luns 2 de setembro coa obra "Anatomía dunha serea", da Compañía Iria Pinheiro -A Berbechería-Chévere; o martes 3 de setembro, será a quenda para a obra "Compañeira de piso", da compañía Contraproducións; o mércores 4 de setembro subirá ao escenario a companía Chévere coa obra "Curva España"; e ao día seguinte, o 5 de setembro, actuará a compañía Redrum Teatro coa obra "Idiota". O venres 6 de setembro, pecharán a programación do Festival a compañía Enconarte Producciones, coa obra "Monstruación". Será tamén nesa mesma xornada a Gala e entrega dos premios FETEGA "Dorotea Bárcena", conducida e presentada por Marían Bañobre.
O Anfiteatro será outro dos escenarios das actividades programadas para esta XXX edición do Festival, que darán comezo o luns 2 de setembro coa actuación "Catro 4'' segundos" (Novo Circo da Compañía ÍO; o 3 de setembro será a Compañía Dani García a que protagonice "Don Gelati" (Maxia Clown); o 4 de setembro tocaralle á compañía Excéntricas con "Cartoóns" (Comedia Clown); o 5 de setembro será a quenda para a compañía Asacocirco co espectáculo "Lume" (Circo Performático); e o venres 6 de setembro pechará as actuacións no Anfiteatro a compañía Sue Moreno co espectáculo "Sue Moreno 4.0" (Circo acrobático). Os espectáculos serán todos ás 19.00 horas.
Como actividades paralelas, haberá animación de rúa, un coloquio de creadoras baixo o título "Arte con nome de muller", obradoiros, monólogos cómicos e actividades infantís.
O prezo das entradas para as funcións no Auditorio é de 5 euros, e para os monólogos é de 3 euros, mentres que o resto das actividades serán de balde.