A conselleira de Educación, Carmen Pomar, interésase polo modelo plurilingüe do CEIP Calvo Sotelo
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou os tres edificios que compoñen o CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo (o edificio principal da Uceira e os coñecidos como Calvo Sotelo e antigo Campo da Feira), no Carballiño, onde se interesou polo funcionamento no centro do modelo plurilingüe neste colexio, que é centro plurilingüe desde 2010 e conta con Estrela PlurInfantil desde o 2017.
Así mesmo, dada a recente convocatoria do plan Proxecta, animou a comunidade educativa a volverse implicar neste iniciativa, da que o curso pasado desenvolveu o programa Mobilidade sostible e segura.
O Diario Oficial de Galicia vén, así mesmo, de publicar a renovación da axuda a este CEIP vinculada á súa participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
Neste sentido a conselleira destacou tamén que o centro desenvolve o programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación a través do traballo con robots construídos sobre Arduino, os Escornabots.