Catorce alcaldes e concelleiros asisten no Carballiño á asemblea da asociación Camiño Miñoto Ribeiro, que agarda a declaración como camiño histórico cultural
O arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, coordinador do equipo multidisciplinar formado por arqueólogos, historiadores, documentalistas e medievalistas, que elaboraron o estudo sobre a delimitación do Camiño Miñoto Ribeiro, presentou esta mañá ante a asamblea da asociación os pormenores e características desta investigación.
A reunión tivo lugar no salón de plenos do concello do Carballiño, e no transcurso da mesma tamén se acordou prorrogar a actual xunta directiva, que leva dous anos de mandato.
O estudo sobre a delimitación do Camiño Miñoto Ribeiro xa lle foi remitido á consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de que sexa declarado camiño histórico cultural como paso previo para a declaración deste camino como Ruta Xacobea, que é a finalidade dos concellos integrados nesta iniciativa.
O presidente da asociación e alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, felicitou a Jorge Lamas polo rigor do estudo realizado e asegurou que hai xa algunha xente que transita en peregrinaxe por este camiño, e que espera que sexa declarado camiño histórico cultural o antes posible. Tamén dixo que, en todo caso, na actualidade xa se pode obter o documento da Compostelá que concede a Igrexa ás persoas que fan o Camiño Xacobeo.
Catorce alcaldes e concelleiros asistiron a esta asamblea extraordinaria, na que tamén estivo o alcalde e concelleiro de Turismo do Carballiño, Francisco Fumega e Manuel Dacal, respectivamente, como anfitrións da xuntanza.