Espazo Común esixe solucións inmediatas "á escandalosa problemática do transporte que afecta aos estudantes", tras o dantesco episodio vivido o domingo na estación de tren do Carballiño
De "dantescas", asi é como dende Espazo Común califican as esceas vividas este pasado domingo na estación do tren do Carballiño, "onde foi a coraxe dun grupo de pais, nais e estudantes a que evitou un novo, e xa sería o enésimo, atropelo aos dereitos dos usuarios do transporte público na nosa contorna", subliñan.
Refirense ao episodio vivido na tarde-noite do domingo cando "coma case tódolas fins de semana, cando maior afluencia de pasaxeiros hai cara a Santiago de Compostela, o tren que debía levalos ao seu destiño sufriu unha avería e o que foi envíado para sustituilo non tiña a capacidade suficiente para acoller a tódolos que alí agardaban".
E remarcan que "é necesario recalcar que esta aldraxe non afecta só á veciñanza do Concello do Carballiño, senon que mozos e mozas de toda a comarca teñen que sufrila constantemente".
Dende Espazo Común manifestan que "levan xa moito tempo denunciando a precariedade do transporte público e o seu progresivo desmantelamento no noso pobo". Non obstante, recordan que a pesares de ter aprobado numerosas mocións para que o goberno emprendera medidas concretas na súa defensa "vemos que non se acometeu ningunha e a problemática segue a agravarse".
Consideran que son unha incongruencia "as excusas da EMPRESA (verba clave para entender todo o asunto) que non había tanta xente que tivera a reserva de billete feita cando é imposible adquirilos en domingo na estación local ao estar pechados os despachos. Loitar contra esta circunstancia é un exemplo de proposta aprobada no pleno municipal e que ante a inacción do alcalde quedou en papel mollado". E O mesmo aconteceu, inciden dende Espazo Común, "co acordo tomado de convocar á Plataforma pola Defensa do Transporte Público que foi tomado en pleno pero que caeu no esquecemento ante a pasividade dun goberno incapaz de facer forza para defender os dereitos dos seus veciños".
Dende esta formación politica razonan que "a problemática coma sempre nestes casos ven dada pola dualidade de difícil conciliación entre servizo público e empresa encamiñada á obtención de beneficios. Polo medio, os perxudicados son os de sempre, os cidadáns dos lugares menos poblados que ven desparecer elementos imprescindibles para o seu día a día. Despois siguennos co conto da loita contra o despoboamento pero a realidade deixa espidas estas mentiras constantemente".
Finalmente, anuncian que o Grupo Municipal de Espazo Común e despois de reunirse coas asociacións de estudantes e xuvenís do Carballiño, Asesgal e Xuca, levarán ao vindeiro pleno da corporación municipal carballiñesa unha serie de medidas concretas a executar con urxencia "para recuperar a dignidade do transporte que é de todos, un dereito polo que temos que pelexar".