O Partido Popular denuncia a discriminación que comete o goberno municipal do Carballiño nas axudas para as actividades de conciliación das ANPAS, xa que deixa fora da convocatoria aos colexios concertados
O Partido Popular expón que "con data do 18/11/19 publicáronse no BOP as bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás ANPAS dos centros educativos públicos que imparten ensino Infantil e primario no Concello do Carballiño, para a implantación de programas destinados á conciliación da vida familiar e para a realización de actividades de carácter educativo e gastos de funcionamento no curso 2019/2020".
Unha vez coñecida esta convocatoria, o Grupo Popular do Concello do Carballiño, denuncia " discriminación na por elección de centro educativo que sofren desta forma todas as familias que teñen aos seus nenos e nenas nos colexios concertados existentes no noso municipio, concretamente os colexios Vila do Arenteiro e Sagrado Corazón". Razonan os populares que "as familias con cativos en idades de educación infantil e de primaria teñen as mesmas necesidades de conciliación familiar, con independencia do colexio ao que asistan. Cando as actividades para conciliación fanse por medio das ANPAS, estas deben ser consideradas como unha agrupación de nais e pais e, todas elas, tamén con independencia do colexio no que estean organizadas, teñen os mesmos dereitos a ser adxudicatarias desta subvención".
E engaden "ningunha administración pode discriminar as actividades que as propias familias organizan por medio das ANPAS facendo depender a súa concesión de si o colexio é concertado ou público, pois con iso estaríase afectando claramente ao dereito dos pais e nais para elixir libremente o centro educativo dos seus fillos e fillas, algo claramente inconstitucional". O grupo socialista do Carballiño, afirman, "parece contaxiarse do dito recentemente por algún dirixente do seu partido a nivel nacional, negando o dereito das familias para elixir libremente o centro educativo que queren para os seus fillos, palabras que enseguida tiveron que rectificar".
E recordan dende o Partido Popular que "esta subvención, que agora publica desta forma o grupo maioritario do goberno municipal socialista, procede do acordo do Pleno celebrado o día 7 de marzo de este mesmo ano, que xenericamente era unha subvención para as ANPAS, habendo quedando claro durante as negociacións para a súa aprobación que as subvencións estaban dirixidas a todas as ANPAS existentes nos centros de educación infantil e primaria do Carballiño, polo que o grupo de goberno está a incumprir non só un acordo plenario, senón tamén o acordo alcanzado no seu momento co grupo popular, acordo que naquel momento era imprescindible para a aprobación de estas subvencións".
Tampouco se adapta, manifestan, o publicado no BOP ao tempo previsto para a realización das actividades subvencionadas, xa que os 5.000€ que se aprobaron no pleno deberían destinarse a actividades realizadas no último cuadrimestre deste ano 2019, e non para todo o curso 2019-2020, tal e como recolle a convocatoria. E isto facíase así porque xa estaba prevista outra liña de subvencións para o ano 2020, subvencións que agora vemos perigar tras a publicación da convocatoria.
Remarcan os populares que "o grupo de goberno municipal discrimina inxustificadamente a varios centos de familias do noso pobo que teñen aos seus fillos e fillas nos colexios concertados e ademais concederá tan só 5.000 € en subvencións para todo o ano escolar, no canto de destinar esta cantidade ao primeiros catro meses de curso e achegar despois outras cantidades con cargo ao orzamento do ano 2020".
Desde o Grupo Municipal do Partido Popular, esixen a rápida rectificación destas bases para ampliar os posibles beneficiarios das subvencións ás ANPAS dos colexios concertados do Concello, e ademais que a cantidade de 5.000 euros destínese unicamente a sufragar as actividades dos meses de setembro a decembro do 2019, comprometéndose a convocar unha nova liña de subvencións con cargo ao orzamento do ano 2020 por un importe "polo menos igual ao aprobado grazas ao acordo alcanzado no seu día co Partido Popular".