As formacións políticas do Carballiño, coa excepción de PSOE e PP, consideran que os actos institucionais do 25-N foron "rutina e puro trámite"
As cinco formacións políticas que asinan este comunicado crítico manifestan que "unha vez pasados os actos institucionais propios do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres organizados polo Concello do Carballiño, consideramos que é o momento de facer unha valoración dos mesmos que, desgraciadamente, non pode ser positiva".
Explican que para amosar a súa disconformidade agardaron "a que pasara o 25 N xa que nese día non pode haber máis protagonistas que todas aquelas mulleres vítimas da violencia machista".
Consideran "inaceptáble que nin tan siquera se citara aos grupos da oposición para consensuar un manifesto que tradicionalmente, incluso na etapa de goberno do PP, se acordaba e se aprobaba en pleno para darlle moita máis forza institucional".
Cualifican como "panfleto" ao que puxo voz no acto institucional a concelleira socialista Guadalupe Sobrado "presentado dende a Área de Igualdade este ano non se pode considerar un manifesto xa que non pasa de catro liñas sen apenas contido e só ten unha mención para as vítimas asasinadas, esquecendo a tódalas demáis", coinciden en subliñar as cinco formacións políticas, dúas con representación municipal como son Espazo Común e BNG, e as outras tres que non contan con representación institucional no concello carballiñés, Podemos, CompromisoXGalicia e Ciudadanos.
Recordan que a ONU define como violencia contra a muller “todo acto de violencia de xénero que resulte ou poida ter coma resultados un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, incluídas as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública coma privada”.
Citan esta definición "porque semella que a concelleira e quen a asesora na redacción do panfleto, non a tiveron en conta ao non facer mención algunha a todas aquelas que sem chegar a sufrir o nivel máis elevado de violencia, sofren esta a diario dun ou doutro xeito, tampouco se menciona o preocupante incremento no número de agresións sexuais e violacións".
Cabe recalcar tamén que se trata de concienciar á sociedade da necesidade de erradicar a violencia específica contra a muller polo que resulta inadmisible que se xeneralice falando de “calquer tipo de violencia”, subraian.
Tamén e moi chamativo, consideran estas cinco formacións políticas, e indicativo da pouca importancia que o goberno do Carballiño lle confire a esta efémeride que as mocións presentadas tanto por Espazo Común coma por BNG sobre o 25N hai xa máis dun mes, non poideran ser tratadas antes da data ao aprazarse sen explicación algunha o pleno ordinario de outubro.
"Mención aparte merece o aséptico programa de actividades que se veñen desenvolvendo debuxadas polo mesmo patrón ano tras ano dende hai xa uns cantos. Coma unha rutina para pasar o trámite, sen novidades nin actividades que leven aparellada unha maior implicación da cidadanía. Cunha total ausencia de propostas que supoñan unha mellora real na igualdade e na prevención da violencia contra as mulleres",recollen neste comunicado.
Dita violencia -engaden- converteuse nun problema estrutural e transversal, no que a ausencia de políticas frontais e activas de calquer administración que se tome a cuestión con desidia, é un paso atrás na loita pola concienciación dunha sociedade na que aínda perviven demasiadas conductas machistas, remarcan.
Finalmente propoñen que "para evitar no futuro que esta relevante data pase coma un acto burocrático máis para o Concello do Carballiño, demandamos que se retome a vía de consensuar cos grupos da oposición e os diferentes colectivos implicados nesta causa o contido do manifesto, que sexa aprobado en pleno e que se aporten accións concretas para mellorar a sensibilidade da poboación e atallar esta lacra. Só a unidade e o esforzo poderán acabar con esta situación de vulnerabilidade das mulleres. O afán de protagonismo individual e tratar o 25N coma un expediente a cubrir con tres fotos, unha actuación musical e unha charla, está lonxe de ser o camiño a seguir".