Concello e Xunta colaboran na obra de acondicionamento do acceso principal a Alvite, que terá un orzamento de 135.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitará en 2020 as obras de mellora e humanización no acceso principal á localidade de Alvite,no concello de Beariz, elixido recentemente como o pobo máis bonito da Comarca do Carballiño, recoñecemento compartido con Pazos de Arenteiro, tras unha votación popular promovida por COPE O Carballiño.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado, veñen de asinar un convenio de colaboración para a execución desta actuación de urbanización; onde a Xunta asume un 70% do importe do convenio (máis de 110.000 euros), mentres que o concello a porcentaxe restante (case 35.000 euros).
A actuación consistirá na mellora dos accesos á praza principal de Alvite, unha aldea singular que nos últimos anos ten experimentado un gran pulo e desenvolvemento desde o punto de vista social, turístico e demográfico pola vía de diversas actuacións de rehabilitación de iniciativa tanto pública como privada.
Ángeles Vázquez trasladoulle ao alcalde a importancia de establecer lazos de colaboración como o asinado con Beariz, pois trátase de mellorar e acondicionar os espazos urbanos para facilitar a accesibilidade aos veciños e poñer en valor zonas dun concello.
Asemade, destacou que este tipo de colaboracións tamén son un instrumento para axudar a frear o despoboamento do rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida da poboación das aldeas, vilas e cidades galegas.