O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, achégase a Leiro para facer un seguimento das actuacións levadas a cabo no municipio pola administración autonómica
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o concello de Leiro xunto co seu alcalde Francisco José Fernández, para coñecer de primeira man as actuacións levadas a cabo con axudas deste departamento autonómico. Á visita tamén acudiu a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Alfonso Rueda indicou que as axudas deste ano foron destinadas ao financiamento de actuacións do Fondo de Compensación Ambiental, grazas ao cal foron investidos 30.000 euros na adquisición dun vehículo co que levar a cabo traballos de protección do medio ambiente e do espazo natural do concello co obxectivo de previr situacións de risco derivadas da caída de follas, ramaxes e troncos de árbores nas áreas recreativos e espazos públicos. Ademais, destináronse outros 2.000 euros á mellora do alumeado público no núcleo de Vilaverde.
Ademais, o titular da Vicepresidencia resaltou que este concello ribeirán é un exemplo a seguir no que se refire á colaboración entre entidades locais, xa que pertence á Mancomunidade do Ribeiro e á Mancomunidade turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, coas que opta a axudas de maneira conxunta. AsÍ, a Mancomunidade Turística xa ten recibido nos anos 2012, 2014 e 2016 aportacións da Administración autonómica para o mantemento e a mellora dos seus servizos medioambientais. Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental tamén se levaron a cabo traballos de equipamento de espazos naturais, así como de mellora da eficiencia enerxética e do alumeado público.
Tamén no marco destas axudas a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, da que forma parte Leiro xunto cos concellos de Arnoia, Beade, Cenlle e Cortegada, recibiu este ano unha achega de 69.000 euros para a mellora dos servizos de recollida de lixo e lumes. O proxecto recolle a adecuación das instalación de tránsito e depósito en materia de residuos sólidos urbanos nas dependencias da mancomunidade.