Máis de 4.000 fogares sen luz, estradas cortadas e caídas de árbores, entre as consecuencias de "Fabien" na Comarca. O vento derrubou o peche do campo de fútbol da Uceira.
A incidencia que máis está afectando e repercutindo na veciñanza dunha gra parte da comarca é a falta de suministro eléctrico, un problema que sufren dende primeiras horas da tarde deste sábado na maioria das localidades dos concellos de Avión, Boborás, O Irixo, e San Cristovo de Cea, e en menor medida pero tamén con numerosos pobos que permanecen sen luz no resto dos municipios, xa que esta incidencia na rede eléctrica tamén afecta a núcleos de Maside, San Amaro, Piñor, Beariz, Leiro, Punxín e O Carballiño.
A empresa Naturgy informa que son máis de catro mil os clientes sen suministro eléctrico no conxunto da comarca do Carballiño, o que estaría afectando aproximadamente a unhas 10.000 persoas.
A caída de árbores e pólas tamén estivo dificultando a normalidade nas estradas, con incontables incidencias que veñen atendendo os bombeiros do Carballiño, o Grupo Municipal de Emerxencias do Carballiño, Grupo de Emerxencias Supramunicipal do concello de Avión, e as Agrupacións de Protección Civil de Piñor, Cea, Beariz, Boborás e San Cristovo de Cea, e operarios municipais nos concellos que non contan con servizos de emerxencia.
Os cortes de estradas foron unha constante no transcurso da xornada, na fotografía pode apreciarse o piñeiro de grandes dimensiós derrubado sobre a estrada de Ribadavia, a altura do Torrón. Tamén no mesmo municipio do Carballiño estivo cortada a estrada vella de Pontevedra, nos accesos ao camping municipal, e foi preciso deixar expeditos os accesos á estación de auga potabilizadora en Seoane e a depuradora de Godás, infraestructuras estratéxicas que foron dotadas de grupos electróxenos ante a falta de suministro eléctrico.
Na Uceira, o vento derrubou o peche exterior de pedra do campo de fútbol, que quedou tirada sobre a beirarrúa, como tamén pode verse na fotografía.
En toda a comarca poucos colectores da recollida do lixo, mesmo no casco urbano do Carballiño, quedaron sen envorcar ou desprazados pola forza do vento.
Na rúa Conde Vallellano do Carballiño desprendeuse esta tarde parte da chimenea dun edificio, xa de mañá os bombeiros tiveron que intervir tras desprenderse a plancha dunha fachada na Avenida de Julio Rodríguez Soto.
A falta de suministro tamén afectou á cobertura de telefonía móbil, internet, televisión e radio, incluida a emisión de COPE O Carballiño, afectada na antena do seu centro emisor no monte do Castelo, na parroquia de Madarnás.
"Fabien" deixou refachos de vento por riba dos 140 km.h no concello de Avión, e superiores aos 120 km.h no resto dos concellos.
A mellor noticia, é que deixando aparte incomodidades e consecuencias materiais, non hai que lamentar ningún dano para as persoas.