ESCO propón a creación dunha comisión de traballo para a promoción das feiras do Carballiño.
O grupo municipal de Espazo Común ven de dar a coiñecer unha moción que presentará no próximo pleno da corporación munmcipal na que propón a creación dunha comisión de traballo para "o relanzamento das feiras do Carballiño"
Na parte expositiva desta moción, ESCO subliña como "o mercadiño quedou espallado por varias rúas co que perde forza e interese. A realidade é que hai moita xente que vive no Carballiño que nin se percata dos días que son feira pois, fóra desas rúas e dos cambios no tráfico, pasa case desapercibida".
Engade que son varios factores que evidencian que o modelo de feira que a maioría de nós temos na memoria, xa non existe nin vai voltar a existir.
"Iso non quere dicir que teñamos que renunciar a unha das nosas máis senlleiras sinais de identidade, máis ben o que esixe esta situación é que dende este Concello se busquen á maior urxencia accións e iniciativas que a revitalicen e a adapten aos novos tempos",propoñen dende Espazo Común.
E para elo, consideran,"compren medidas que posibiliten que a feira sexa de novo un referente conxugando tradición e novos costumes, compre recuperala coma o que sempre foi, un importantísimo balón de osixeno para a economía local".
Finalmente, dende Espazo Común piden nesta moción " creación vinculada á Mesa de Comercio Local dunha comisión na que participen asociacións de comerciantes, de empresarios, de pulpeiros, hostaleiros, culturais, veciñais, xuvenís e de calquer outra índole que poida ter interese en darlle un novo pulo á feira do Carballiño".
E tamén unha dotación orzamentaria singularizada nos orzamentos do 2020 para as accións que se poidan levar a cabo.