O exalcalde de Piñor, Francisco Fraga, será o cabeza de candidatura de "Ourense decide" para as eleccións autonómicas do 5-A
Alcalde de Piñor entre 2003 e 2015, vicepresidente executivo da FEGAMP entre 2007 e 2011 ao que suma a portavocía do Grupo Socialista na Deputación de Ourense, Francisco Fraga "pode presumir de ter sido un dos rexedores máis novos de Galicia e de ter loitado a brazo partido dende este posto contra a inercia negativa dos concellos pequenos desta provincia", destacan dende Espazo Común, que xunto a Recortes Cero e Os verdes preséntanse a estas próximas eleccións autonómicas coa marca electoral "Ourense decide".
E poñen en valor os avances que baixo a súa xestión experimentou o concello de Piñor "conseguiu un enlace coa autovía Ourense-Santiago que evitou o illamento deste concello; creou servizos daquela case inéditos para a atención das persoas maiores coma o de lavandería ou xantar a domicilio; puxo en marcha servizos de conciliación para fixar a poboación máis nova, impulsou a compostaxe doméstica e conseguiu que Piñor fose un referente en Galicia en materia de medidas de apoio á poboación rural".
Fran Fraga afronta o reto cunha tremenda ilusión e consciente "das dificultades que conleva levar a unha coalición de pequenos partidos a pelexar por un posto no parlamento galego cos grandes partidos tradicionais e o seu poderío". Non obstante, afirma ter a certeza de que “desta volta, Ourense espertará e fará valer a súa voz para dicir basta”.
Fraga cifra en 10.000 votos os necesarios para que a provincia de poida contar á fin con representación propia e exclusiva en Santiago.
“É necesario que alguén defenda a Ourense sen ter que render contas a Madrid, Santiago ou Vigo. Nesas ecuacións sempre saimos perdendo. Os datos e a involución de tódolos indicadores socioeconómicos falan por si mesmos”,subliña.
Confía en elaborar unha lista "o máis representativa posible das comarcas, das problemáticas e das realidades de cada recuncho da xeografía provincial para que a cidadanía teña cada vez máis claro que de querelo así e apoiar a súa candidatura", conseguir desa maneira que á fin “Ourense decide”.