O Centro Comercial Aberto lanza un SOS a arrendadores e concello para que o peche do comercio e a hostalería non sexa irreversible
O Centro Comercial Aberto do Carballiño pon de manifesto que "o estado de alarma polo coronavirus está xerando unha situación insostible para a gran maioría dos establecementos comerciais e hostaleiros do Carballliño, polo que o Centro Comercial Aberto solicita a axuda dos arrendadores de locais así como do concello, co obxectivo de evitar o peche de establecementos ao remate desta crise sanitaria, que conleva tamén unha grave crise económica".
Por isto, ao tempo que o CCA amosa todo o seu apoio ao sector comercial e hostaleiro, autónomos e pemes, solicita aos arrendadores a flexibilidade tanto para deixar de cobrar a mensualidade correspondente ao tempo de peche obrigado polo estado de alarma (que xa se ten producido nalgúns casos, o que é de agradecer) como para dar facilidades aos arrendatarios no pagamento destes alugueres.
Dende o CCA, e así lle lo transmitiron moitos asociados, consideran que de non producirse esta flexibilidade, moitos establecementos terán que pechar as súas portas, deixando estes locais valeiros e con escasas posibilidades de voltar a ser alugados.
Por outra parte, o CCA, que está en contacto co concello, considera que resulta de vital importancia crear unha comisión municipal de apoio ao comercio e á hostalería. Esta comisión deberá estudiar medidas de axuda, tales como a flexibilidade no pagamento de taxas e impostos municipais relativas ao sector, e outro tipo de medidas que contribúan a paliar a inactividade durante este período, así como o relanzamento económico e comercial posterior.
O CCA solicita a colaboración de todo o pobo, porque o sector comercial e hostaleiro, autónomos e pemes, supoñen un eslabón moi importante na economía e desenvolvemento do Carballiño, e ante esta situación prolongada de inactividade, resulta inviable asumir os custes derivados da mesma.