A corporación aproba no pleno deste martes unha ordenanza municipal de emerxencia social, que fora proposta fai dous anos polo Partido Popular
O grupo popular celebra que "aínda que vaian transcorridos 839 dias, dous anos, tres meses e dezasete dias, por fin o concello do Carballiño terá unha ferramenta imprescindible en tempos de crise para moitas familias, que contará cun orzamento de 40.000 euros ata final de ano".
A maiores, dentro das medidas aprobadas por consenso dos catro grupos políticos do concello carballiñés en materia social, deberán sumarse outros 30.000 euros para atencións de persoas de avanzada idade, xunto con 9.000 euros para Cáritas e outros 9.000 euros para Cruz Vermella.
Unha vez aprobada esta nova ordenzanza de emerxencia social, as persoas e familias carballiñesas poderán ser destinatarias destas axudas:
a) Para facer fronte aos gastos de farmacia e gastos médicos non cubertos pola Seguridade Social (dentista, lentes …) A achega será equivalente á achega do usuario, co límite máximo de 200,00 €/ano.
b) Alimentos perecedoiros como complemento ás achegas de entidades de iniciativa social, vestiario, calzado e demais indispensables para o desenvolvemento da vida cotiá: ata un máximo de 600,00 €/ano.
c) Axudas individuais para promover e facilitar a integración socio-laboral: ata un máximo de 500,00 €/ano
d) Axudas individuais para facilitar o aloxamento temporal, a prestación de recursos residenciais en situacións transitorias, ata un máximo de 1.400,00 €/ano
e) Vinculadas ao uso e mantemento da vivenda: aluguer, hipoteca, fianza, mantemento e conservación da vivenda; auga, luz, gas e gasóleo calefacción. Ata un máximo de 1.000,00 €/ano.
f) Vinculadas á mellora da habitabilidade da vivenda habitual: ata un máximo de 800 € / ano.
g) Falta de cobertura económica para a adquisición de equipamento básico para o fogar, entendéndose como tal o mobiliario e electrodomésticos básicos e de primeira necesidade. Ata un máximo de 400,00 €/ano.
h) Falta de cobertura económica para o pago dun aloxamento alternativo (hostal, pensión …) cando sexa imposible a permanencia da persoa no seu domicilio habitual por situación de catástrofe e/ou situación persoal, familiar, sanitaria ou social. Ata un máximo de 500,00 €/ano.
i) Outras non relacionadas nos apartados anteriores, consideradas de primeira ou urxente necesidade, sempre que así se xustifique suficientemente no informe social elaborado para o efecto: ata un máximo de 1.000,00 €/ano