A Festa do Pulpo deste ano estará dedicada a persoal de sanidade, emerxencias e traballadores que loitaron en primeira liña contra o Covid-19
O concello do Carballiño quere render unha homenaxe ao persoal de sanidade e emerxencias que estivo na primeira línea da loita contra o Covid-19, e por eso lle dedica a próxima Festa do Pulpo.
Ademáis destes colectivos, o concello quere recoñecer tamén o esforzo realizado polo persoal farmacéutico, forzas de seguridade estatal e autonómica, Exército, Policía Local, Protección Civil, Grumir, coidadores e coidadoras de residencias de maiores e de axuda no fogar, transportistas, empregadas e empregados dos supermercados e de todo o sector da alimentación e, en xeral, aos traballadores e traballadoras que estiveron nos seus postos de traballo durante o período de confinamento.
A 58 Festa do Pulpo, que se celebra o domingo 9 de agosto, non terá o carácter de festa gastronómica multitudinaria como se veu celebrando habitualmente, senón que nesta ocasión, por causa do coronavirus, será unha festa moito máis reducida, na que se tomarán todas as medidas establecidas para evitar posibles contaxios por Covid-19, e que estará a expensas da evolución da pandemia durante os meses de xuño e xullo.
Na medida do posible, intentarase manter na semana do 1 ao 9 de agosto un programa de actos de pequeno e mediano formato, que terán lugar nas prazas do Carballiño respectando a normativa establecida para eventos culturais ao aire libre.
E o domingo 9 de agosto, o propio día da festa, no que o gran protagonista é o pulpo á feira, así como os pulpeiros e as pulpeiras, establecerase un sistema que permita poder celebrar a festa entre o parque municipal e os establecementos hostaleiros do casco urbano, evitando posibles aglomeracións e respectando sempre as normas de separación e de prevención establecidas polas autoridades para garantir a máxima seguridade ante calquera risco de contaxio.
En todo caso, o formato da festa será establecido nas próximas semanas, unha vez que se comprobe a evolución e o control da pandemia, e se coñezan polo miúdo as normas marcadas para os eventos culturais, festivos e gastronómicos, como é o caso da Festa do Pulpo do Carballiño.