O concello adhírese ao convenio coa Fegamp para o control da Covid na Policia Local
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, asinará a adhesión ao convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a posta en marcha do programa para o control da Covid 19 na Policía Local.
A adhesión implica o cumprimento de determinadas obrigas e compromisos, como facilitar aos seus efectivos da policía local a realización do test serolóxico COVID-19, incluir nos estudos epidemiolóxicos que poida realizar a entidade local os resultados obtidos pola realización dos test, así como a súa utilización para a posta en marcha de campañas de divulgación e prevención sanitaria, e incluir na formación dos efectivos aqueles aspectos de hixiene, prevención e control de casos de contaxio por COVID-19. A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, comprométese a realizar os test de detección de COVID-19 aos axentes que realicen as súas funcións de policía local ou de auxiliar de policía en calquera concello das catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia que estea adherido ao presento convenio de conformidade co previsto na claúsula terceira.
Os test serán realizados polo Sergas polo procedemento que se determine ata un máximo de 2.528. En función do resultado do test e da presenza ou non de sintomatoloxía, o facultativo poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo co protocolo clínico dispoñible na seguinte ligazón, nos Hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde correspondente á provincia de detección do caso, no prazo máximo de 48 horas. Así mesmo, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Xunta terá a obriga de coordinar a súa actividade de prevención, detección e control da COVID-19 coas entidades locais.
MEDIDAS PREVENTIVAS
Os efectivos da policía local extremarán as medidas de illamento social vixentes, restrinxindo os contactos e limitándoos aos imprescindibles. No caso de que houbese contacto estreito dalgún efectivo cun enfermo sintomático de COVID-19, comunicará este feito ao seu superior xerárquico, deberá cesar no servizo e manterse en corentena domiciliaria durante catorce días, vixiando a aparición de síntomas. En caso de presentar síntomas respiratorios, tampouco deberá desenvolver as súas funcións encomendadas. Neste caso, o/a axente da polícia ou o/a auxiliar de polícia deberá autoaillarse no seu domicilio, solicitar unha consulta telefónica co seu médico de atención primaria e seguir as súas indicacións, ata a súa completa recuperación.