Todo listo para a reapertura do albergue de peregrinos de San Cristovo de Cea, incorporado ao programa "Camiño Seguro"
Un equipo técnico da Consellería de Cultura e Turismo está liderando este proceso, que se intensificou nos últimos días e que se prevé rematar a principios da próxima semana, antes da reapertura da Ruta Xacobea. Neste sentido, mantivéronse contactos cos resposanblaes do concello de San Cristovo de Cea, que xestiona o albergue integrado na rede autonómica, sito no núcleo histórico da vila de Cea.
A previsión para a reapertura do albergue de peregrinos de San Cristovo de Cea apunta está fixada para o vindeiro dia 1 de Xullo, entre os primeiros da rede pública que volverán acoller peregrinos
A reapertura conta co soporte da Xunta de Galicia para establecer medidas de prevención sanitarias. En concreto, a Xunta estase a encargar de inutilizar as prazas que non serán ocupadas, así como de prover de cartelería, sinalización, mamparas, máscaras para os traballadores, xeles e solucións desinfectantes, dispensadores, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas, entre outros.
Programa ‘Camiño Seguro’
No marco do programa Camiño Seguro, a Xunta de Galicia vén traballando en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que elaborou un manual a disposición dos albergues con indicacións e recomendacións, así como protocolos de prevención. Ao longo dos vindeiros días, o ICTE prestará apoio para mellorar a experiencia do Camiño, axudando nos procesos de contención dos riscos. En cooperación cos concellos, achegará solucións para puntos como oficinas de información, áreas de descanso ou baños públicos, ademais dos propios albergues públicos, propiciando así corredores máis seguros.
Sistema de reservas
Co fin de dar garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario, tamén se habilitará nos vindeiros días un sistema online de reservas, que convivirá coa posibilidade de solicitar praza presencial ao chegar ao albergues sempre que dispoña de capacidade. Así, os peregrinos poderán reservar cama desde o día anterior ata as 13,00 horas do día da pernoita. A partir desa hora, se o albergue dispón de prazas libres, estarán a disposición dos peregrinos que cheguen, facéndoo así compatible a reserva previa co espírito de acollida máis tradicional. Esta nova opción facilita a peregrinación poscovid-19 con maiores certezas e confianza.