O Parque de Bombeiros O Carballiño-Ribeiro, dependente do Consorcio Provincial, pasará a ter xestión pública
O Pleno do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e de Salvamento do que depende o parque de bombeiros do Carballiño-Ribeiro aprobou, na xuntanza celebrada no Pazo Provincial, o inicio do procedemento para o cambio de xestión do servizo para facelo público. Así o informou o presidente do Consorcio, Pablo Pérez, e o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, na rolda de prensa que ofreceron na sala de prensa do Pazo Provincial ao remate do Pleno.
O primeiro paso para levar a cabo este cambio de xestión é a constitución dunha Comisión de estudo para a realización da memoria xustificativa segundo a regulación vixente. Como membros corporativos desta comisión formarán parte dela dous representantes da Xunta de Galicia (a designar por esta), e por dous da Deputación de Ourense (a designar por esta), ostentando un deles a Presidencia de dita comisión. E, como membros técnicos, estará integrada por tres designados pola Xunta de Galicia, tres designados pola Deputación de Ourense, a persoa titular da Xerencia do Consorcio e a persoa titular da secretaría do Consorcio.
O Consorcio Provincial, formado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, inicia así os trámites para facer público este servizo, "tal e como se comprometeu no mandato anterior", sinalou Pablo Pérez, quen lembrou que o primeiro paso para elo foi a firma dun protocolo do Consello Galego de Relacións Laborais "no que están presentes as catro Deputacións galegas e os representantes sindicais dos bombeiros".
Esta nova ten "moi boa acollida entre o colectivo dos bombeiros, a quen agradezo o seu importante labor, sobre todo neste momento de crise sanitaria", dixo o presidente do Consorcio, asegurando tamén que este paso é "unha mostra máis do cumprimento dos compromisos da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia". Neste mesmo sentido, Pablo Pérez recalcou que o Consorcio Provincial experimentou nos últimos cinco anos "un cambio substancial na mellora da calidade dos servizos que presta, avances que comezaron xa no mes de xuño do ano 2017 coa apertura do parque comarcal O Carballiño-Ribeiro".
De estes últimos anos cabe destacar "o importante investimento que destinamos en dotación de medios materiais como, por exemplo, coa renovación de vehículos ou a incorporación de novo material", dixo Pablo Pérez, quen fixo especial fincapé na mellora da calidade que supuxo "a creación do servizo de drons no parque de Bombeiros do Carballiño-Ribeiro".
Pola súa parte, Santiago Villanueva dixo que se inician "os trámites para o paso de xestión indirecta a directa, un paso que se leva dado en toda a Comunidade Autónoma". Así mesmo, Villanueva incidiu en que a Xunta de Galicia, en colaboración coas deputacións, "aposta por unha prestación homoxénea en todo o territorio da Comunidade Autónoma. Neste caso maniféstase no servizo contra Incendios, pero tamén coa posta en marcha durante todos estes anos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e tamén unha aposta polas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil".
Neste sentido, o directo xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia lembrou que "fai uns anos en Galicia tiñamos só 7 servizos profesionais de atención ás emerxencias, que eran os parques das grandes cidades, e neste momento, aparte deses 7 servizos, temos máis de 51 servizos profesionais en todo o territorio co obxectivo de que esa prestación do servizo sexa igual para tódolos cidadáns de Galicia, independentemente do seu lugar de residencia".
Santiago Villanueva agradeceu o labor do Consorcio durante todos estes anos afirmando que "temos uns servizos, unhas instalacións e unha dotación de persoal e material acorde coas necesidades que a distintas realidades se van producindo en cada momento".