Deputación e Federación de Comercio lanzan a primeira plataforma provincial de "comercio on line"
A Deputación de Ourense e Federación de Comercio de Ourense porán en marcha a primeira plataforma provincial de comercio on line. Trátase dun marketplace orientado ao comercio minorista, que estará dispoñible para dispositivos electrónicos e que permitirá a pequenos negocios dar o salto a Internet de maneira sinxela e cun custe reducido.
Así o avanzou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo coa presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, xuntanza na que analizaron as prestacións desta plataforma, "que conta xa con máis de 330 establecementos inscritos e que será un pulo importante para o comercio local", afirma Baltar.
A plataforma, denominada "eprox", permite aos comerciantes incorporarse a ela de maneira gratuíta, para formar parte dunha estratexia de mercado –o comercio electrónico- que factura anualmente en España máis de 40.000 millóns de euros (datos de 2018). "eprox" ofrece aos comerciantes sistemas de tecnoloxía para a venda, identificando as preferencias dos clientes; loxística adaptada; información completa de cada negocio, e soporte técnico para todo o proceso de venda on line.