ESPAZO COMÚN DENUNCIA O NOVO INCUMPRIMENTO DO PROMETIDO POR XUNTA DE GALICIA E CONCELLO DO CARBALLIÑO SOBRE A APERTURA DA RESIDENCIA DO TEMPO LIBRE.
A triste realidade é que nada mudou. Pasaron as elección autonómicas e tódalas promesas feitas por uns e outros sobre o funcionamento da Residencia do Tempo Libre caeron no saco do esquecemento post-electoral.
Esta emblemática instalación encravada no Parque Municipal e que de sempre foi unha importante fonte de ingresos para a economía local e un inesgotable imán para a chegada de novos visitantes ó noso pobo, volta a ver como Xunta e Concello incumpren a súa palabra.
Cando Espazo Común presentou unha moción no mes de xuño para acadar o compromiso de todos de garantir o seu funcionamento a pleno rendemento deica fin de ano e do ano completo en exercizos futuros, todo foron boas verbas e o apoio foi unánime.
No pleno de xullo, xa sendo coñecedores de que os traballadores sospeitaban que se podería prescindir dalgúns deles pola falla de ocupación, preguntamos ó alcalde Fumega quen afirmou que xa tiña todo solucionado.
Por suposto, mentía unha vez máis.
A realidade é que un grupo importante de empregados da Residencia de Tempo Libre xa foron envíados para á súa casa ¡no mes de agosto! e non contan con garantía ningunha de que as instalacións funcionen o resto do ano.
Dende Espazo Común demandamos á Xunta de Galicia e ó Concello do Carballiño que cumpran co acordado e traballen para que esta instalación tan importante para a economía da nosa vila non siga a deixarse de lado co conseguinte perxuizo para a pobo e para os traballadores da mesma.