Concello e Confederación Hidrográfica asinan o convenio para a mellora do paseo do río Arenteiro

1, Setembro 2020

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil José Antonio Quiroga, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, rubricaron o Convenio de colaboración para o “Acondicionamento das marxes do río Arenteiro no Carballiño (Ourense)”, a través do mesmo, determínanse as condicións para o financiamento e execución, así como, o réxime da posterior entrega das obras para o seu mantemento e conservación.

PROXECTO

Nos anos 2007 e 2008 a extinta Confederación Hidrográfica do Norte executou o proxecto de acondicionamento de marxes do rio Arenteiro no T.M. do Carballiño (Ourense), no que se incluía a realización de paseos en ambas as marxes. Estes paseos sufriron unha notable deterioración no tempo transcorrido debido fundamentalmente á acción erosiva da auga de escorrentía.

As obras contempladas no presente convenio consistirán, por unha banda, na substitución do pavimento actual de xabre compactado por un novo a base de aripaq ou material similar resistente á erosión pola acción da auga e mellora da drenaxe e evacuación de augas pluviais e, doutra banda, o proxecto contemplará a substitución da cuberta dun lavadoiro adxacente ao paseo así como a mellora do acceso a través da rúa río Miño e o acondicionamento dunha leira próxima para a futura instalación dun parque infantil.

O proxecto será redactado polo Organismo de conca e o investimento necesario estímase en 350.000 €, dos cales a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. achegará 280.000 € e o Concello do Carballiño 70.000 €.