Alcaldes e concelleiros do Partido Popular rexeitan "a expropiación de remanentes que ordena o Goberno de Sánchez"
Os alcaldes e concelleiros do Partido Popular das comarcas do Carballiño e O Ribeiro, o mesmo que o resto da provincia de Ourense deixaron constancia da súa negativa á expropiación dos remanentes dos seus concellos que pretende levar a cabo o Goberno de Sánchez, apropiándose así do diñeiro de toda a veciñanza e rachando co principio de autonomía local para investir estes cartos nas necesidades máis importantes de cada concello. Os representantes municipais populares escenificaron a súa protesta con concentracións diante das casas consistoriais, amosando un cartel co lema “O meu concello non se expropia”, iniciativa que tamén levaron ás redes sociais.
Unha acción que se produce a escasas horas doutra concentración, desta volta en Madrid, na que ademais dos representantes do PP nas entidades locais tamén participarán cargos municipais de toda España pertencentes a outras dez formacións políticas. O acto terá lugar diante do Congreso dos Deputados, onde tamén mañá se someterá á convalidación da cámara baixa o real decreto lei de cesión dos remanentes. Os alcaldes, portavoces e concelleiros populares ourensán quixeron trasladar aos seus veciños e veciñas a enorme inxustiza que supón este decreto, pois lles impide facer o seu traballo que non é outro que ofrecer servizos dignos e de calidade e atender as necesidades dos habitantes dos seus concellos.
Con esta acción conxunta tamén quixeron poñer de manifesto a delicada posición na que se sitúa o PSOE e o Goberno de Sánchez, que están absolutamente sós logo de arremeter contra as administracións máis próximas ao cidadán. Os socialistas, que racharon coa unanimidade que sempre presidiu a FEMP, están dando a elixir entre o benestar da veciñanza e a política partidista, e fronte a elo o PP sempre estará coas persoas, pois os remanentes os precisan todos os veciños sin distinción de cores políticos. Nas fotografías, vemos as protestas nos concellos de Boborás, Leiro e O Irixo.