Homenaxe ao expárroco Xose Benito Sieiro, e os concertos de Luar na Lubre na Insua e "Cantigas e Agarimos" na Praza da Veracruz, únicas actividades na semana das NON Festas do Setembro
O concello do Carballiño renderalle unha homenaxe ao párroco recentemente xubilado, José Benito Sieiro González, este xoves, 17 de setembro, festividade de San Cibrao, ao termo da celebración da misa na honra do patrono do Carballiño. Estes actos terán lugar en principio ao aire libre, na praza da Veracruz, se o tempo o permite, e en caso contrario celebraranse no interior do templo. En ambas alternativas o aforo será limitado e gardando todas as medidas preventivas e de seguridade establecidas polo coronavirus. Será obligatorio o uso de máscara e lavado de mans con xel hidroalcólico. O aforo no exterior será superior ao do interior, pois colocaranse 400 sillas, separadas a 1,5 m., para garantir a distancia de seguridade. No acto de homenaxe o alcalde faralle entrega ao párroco xubilado dunha placa así como dunha reproducción en miniatura do templo da Veracruz.
CONCERTO DE LUAR NA LUBRE NA INSUA DOS POETAS
Debido á pandemia non haberá actos festivos durante estes días pero, dependendo das condicións metereorolóxicas, está previsto que se celebre na Insua dos Poetas o mércores 16 o concerto de Luar na Lubre. Este evento está organizado pola Fundación Insua dos Poetas e conta o patrocinio da Xunta de Galicia, así como a colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño. Terá lugar ás 19,00 h., con entrada libre ata completar o aforo. Será obligatorio o uso de máscara e o lavado de mans con xel hidroalcólico. A apertura das portas terá lugar ás 18,00 h. Luar na Lubre ofrecerá un concerto no que interpretará os temas do seu último dobre CD VIEIRAS E VIEIROS. HISTORIAS DE PEREGRINOS. Trátase do 19º disco da banda, no que exploran os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples carreiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. O factor humano da vía xacobea é o fío que tece un relato plural que abarca diversas épocas, voces e contextos.
GRUPO FOLCLÓRICO CANTIGAS E AGARIMOS
Asimesmo, está previsto que se celebre o venres, 18 de setembro, a actuación do grupo folclórico Cantigas e Agarimos no auditorio da praza da Veracruz. Este evento, sen enmbargo, podería anularse se cambia a previsión meteorolóxica, que en principio é favorable, para a tarde do 18. A Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos” de Santiago de Compostela fundouse nesta cidade no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño, sendo unha das agrupacións máis antigas adicadas ó folclore galego.
Por outra parte, anuncian dende o concello do Carballiño que "debido á chuvia, suprímense outros actos culturais previstos para estes días, como a actuación de grupos locais, entre outros".