Catro espectáculos, monólogos cómicos, perfomance, animación de rúa e outras actividades no FETEGA 2020

21, Setembro 2020

A 31ª edición do Festival do Teatro Galego "Celso Parada", que se celebrará do 23 ao 26 de setembro no Carballiño, contará na súa programación con dúas actividades coas que chegará a outras Comunidades de España e a países como Alemaña, Francia, Portugal e Brasil. Trátase dunha lectura dramatizada da recoñecida obra de Carvalho Calero "A Farsa das Zocas" coa colaboración de 50 voluntarios ao redor do mundo e dunha "Escola de Espectadores do Teatro Galego", orientada a afeccionados, interesados e espectadores do programa oficial do FETEGA.

A presentación deste evento cultural tivo luga no pazo provincial da Deputación, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o director do Festival, Carlos Ledo; e a directora artística do Festival, Josi Lage.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que é "un referente da acción teatral de Galicia desde O Carballiño e ofrecerá ao público a posibilidade de gozar dos mellores espectáculos do teatro, así como de outras actividades paralelas como obradoiros ou charlas", dixo Rosendo Fernández, quen salientou que esta 31ª edición é "máis internacional ca nunca". Pola súa parte, o alcalde do Carballiño afirmou que "a seguridade está garantida ao 100%" e agradeceu á organización do Festival que pensara na figura de Carvalho Calero "nun ano no que por desgracia non puidemos recoñecerlle todo o que aportou á cultura galega". Jacobo Sutil puxo en valor que as tres administracións (Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño) "colaboremos neste evento porque é importante que se manteña a actividade cultural, aínda que se faga con restricións, xa que é a maneira de que subsista o sector cultural".

O director do FETEGA explicou que nesta edición quixeron "coidar da nosa familia porque ir ao teatro é seguro, e ampliar a familia de maneira xeográfica e mental, coa Escola de Espectadores que pretende achegar dun xeito informal o teatro á outra parte do binomio do teatro, o público; e coas lecturas dramatizadas da obra de Carvalho Calero coas que nos demos conta que había unha especial sensibilidade nunha institución cun alto nivel académico: as Universidades e os Centros de Estudos Galego no exterior". A lectura dramatizada da obra de Carvalho Calero, a quen estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas, chegará ao resto de España, Portugal, Alemaña e Brasil coa axuda de lectores e alumnos dos Centros de Estudos Galegos. Durante trinta minutos diarios, a farsa irase debullando nunha lectura dramatizada que dirixe desde Galicia Vanesa Sotelo. Será posible acceder á lectura mediante redes sociais e Youtube. Pola súa parte, a "Escola de Espectadores do Teatro Galego", que se desenvolverá entre o 23 e 25 de setembro ás 16.30 horas, estará dirixida por Pepe Domínguez. Ademais destas dúas actividades, a programación desta edición estrutúraseen catro xornadas nas que o público poderá gozar de obradoiros, mesas redondas, monólogos cómicos, teatro na rúa e as clásicas sesións de espectáculos.

Programación

A directora artística do FETEGA explicou a programación desta edición que no Auditorio Municipal comezará o mércores, 23 de setembro, co espectáculo "Clausura do Amor" da compañía Cámara Negra. Ao día seguinte será a quenda para a obra "Os nenos da varíola" da compañía Pérez & Fernández. O venres, 25 de setembro, chegará o espectáculo "O mel non caduca" de Ibuprofeno Teatro e, o último día, o 26 de setembro, será a quenda para a compañía AveLina Pérez co espectáculo "A que non podes dicir Coca-Cola?(II)". Tódolos espectáculos serán ás 20.30 horas.

Paralelamente, os días 23, 24 e 25 de setembro celebraranse na Casa da Cultura monólogos cómicos a cargo de Pedro Brandariz, Arantxa Treus e Diana Sieira, mentres que o sábado, 26 de setembro, desenvolverase unha performance co proxecto literarias. Todas estas actividades serán ás 18.30 horas. Asemade, tódolos días ás 11.00, 17.00 e 20.00 horas haberá teatro na rúa da man de Barafunda.

Ademais, o Festival do Teatro Galego concederá o premio de honra "Dorotea Bárcena" 2020 ao dramaturgo e director de escena Afonso Becerra Arrojo polo seu labor académico e de activismo teatral ao longo de 25 anos dunha carreira cunha ampla e brillante traxectoria no sector das artes escénicas. O galardón será entregado o 26 de setembro, durante a gala do Festival no Auditorio Municipal e, previamente, ás 18.00 horas, impartirá na Casa da Cultura a charla "De traxedias, dramas, comedias e públicos".