Espazo Común insta ao alcalde para que " esixa á Xunta que deixe de utilizar O Carballiño como banco de probas" e alivie as restricións no municipio

18, Novembro 2020

Desta maneira, Espazo Común faise eco do que é un clamor nas últimas horas no Carballiño, e tras confirmarse que a Xunta non levantou as restricións de mobilidade e peche das actividades non esenciais, algo que se agardaba poidese acordarse no Comité Clínico celebrado este pasado martes.

"Hai arredor dun mes e ante as escalofríantes cifras de contaxios que presentaba o concello do Carballiño, a Xunta de Galicia optou por intervir o municipio e adoptar as medidas coercitivas máis severas de toda España.O dato de 188 positivos activos a un tempo, que arroxaba un índice de contaxio por habitante de 1.340 x 100.000 e a inoperancia do goberno local, fixo que se nos impuxeran antes ca a ninguén situacións coma o peche case total da hostalaría ou o peche perimetral para tentar rebaixar eses datos", rcordan dende Espazo Común.

E engaden "se naquel momento sí semellaba necesaria a toma de decisións deste tipo, tamén consideramos que agora, despois dun mes padecendo as consecuencias das mesmas e ante o positivo dos resultados, toca que a Xunta levante un pouco o pé do pescozo dos pequenos negocios carballiñeses co relaxamento do castigo. Non pode ser que a Xunta nos tome por cobaias humanas e experimente tódalas súas teorías no Carballiño".

Espazo Común fai referencia aos últimos datos coñecidos na situación epidemiolóxica actúal no municipio carballiñes "a día de hoxe, a cifra reduciuse a 29 positivos e no semáforo que a propia Xunta de Galicia emprega coma termometro para medir a evolución dos concellos, estamos no nivel verde. O máis baixo de todos".

E mesmo apuntan ao que entenden é un agravio comparativo co Carballiño "asistimos con estupor ao feito de que outros lugares nun estadío bastante peor ca o noso actual, non sofren estas limitacións nas actividades diarias do seus cidadáns, especialmente na mobilidade ou no sector hostaleiro".

Dende Espazo Común, preganlle ao alcalde Fumega que "deixe de ser un mero espectador en todo esto e comece a defender os intereses dos cidadáns aos que supostamente representa, hai que demandarlle á Xunta con urxencia unha reducción das medidas impostas para dar osíxeno a comerciantes, hostaleiros e outros moitos sectores que están a sufrir as consecuencias da situación actual",remarcan.