O gaiteiro carballiñés Isidro Vidal convidado a actúar no Festival Internacional de Música Celta de México
Este luns 30 de Novembro, o gaiteiro Isidro Vidal participará en “O gaiteiro da Catedral” de Ourense, o acto diario que se leva a cabo ás 11.30h dende o alto da torre da Catedral de Ourense coma homenaxe ás vítimas da Covid 19 no que se interpreta o Himno de Ourense. Esta xa é a segunda vez que Isidro participa, pero coa peculiaridade de que esta vez o fará cunha gaita construída coas súas mans durante o curso de construción de instrumentos tradicionais que desenvolve a Deputación de Ourense no Obradoiro de construción de instrumentos musicais baixo a batuta do mestre Manuel Brañas.
Proseguindo coa actividade artística case reducida por mor da Covid, Isidro Vidal foi convidado a participar no Festival Celta de México, que este ano ten a peculiaridade de realizarse de forma online por mor das restricións sanitarias en ambos países, pospoñendo así a visita a México para o futuro. Este festival complétase cun elenco de artistas internacionais e coa colaboración do Festival da Terra Celta.
Deste xeito, Isidro Vidal profundiza na internacionalización da súa música, que o pasado verán o levou a realizar unha pequena xira por Portugal, actuando en diversos eventos como o verán cultural da vila de Chaves ou no Festival Identidades de Loivos entre outros. Aproveitando esta pequena incursión no país veciño, participou como asesor de música tradicional na residencia artística para o establecemento do currículo dos estudos regrados de música tradicional portuguesa, que se levou a cabo na Academía das Artes de Chaves.
Un ano cheo de cancelacións e adiamentos, pero no que a música estivo presente no día a día deste músico galego, que tamén participou noutros eventos como o Festival Intercéltico del Sur Celtasur organizado dende Cúllar Vega, o festival solidario Quedo, que teño que quedar para recaudar fondos para Médicos Sin Fronteras para a loita contra a Covid, ou na semana cultural da Festa do Pulpo do Carballiño, compartindo carteis con artistas como Susana Seivane, Hevia, Flook, Bagad Cap Caval, Alasdair Fraser e Natalie Hass, Sharon Shannon ou Duncan Chisholm (Wolfstone).