Carballeiricidas
Unha carballeira é un espazo natural no que non só hai carballos. Conviven especies animais e vexetais diversas nun rico ecosistema que se autorregula e se retroalimenta dende hai moitos séculos.
Ignoro se están ou non protexidas, pero no mundo actual faltaría algo se non se teñen en consideración estes marabillosos espazos naturais que contribúen á posibilidade de vida nesta terra. Se morren as carballeiras, o ser humano tampouco ha tardar moito en facelo como especie. A desaparición das carballeiras tamén repercutirá negativamente na climatoloxía e na contaminación, pois elimínanse espazos naturais que absorben monóxido de carbono en cantidades inxentes.
Nótase dende hai algúns anos que na contorna do Carballiño, que, curiosamente, leva no seu nome a unha árbore simbólica das carballeiras, se están a destruír este tipo de espazos naturais, sen que, ao parecer, lle preocupe a ninguén. Motoserras e todo tipo de máquinas traballan arreo pra esnaquizar espazos naturais tan importantes para a vida, para a regulación da contaminación e do clima, tema tan de moda, pero que non parece ser tomado en serio, cando menos polos propietarios das carballeiras e polos das motoserras.
Os propietarios das carballeiras non deberían poder arrasar con espazos naturais tan importantes e necesarios para a vida e para a paisaxe polo só feito de ser os "donos". Trátase dun ben común, necesario para a vida, e do que todo o mundo se beneficia dalgún xeito. Estannos a privar de elementos vitais a toda a sociedade e non queremos darnos conta.
Sempre escoitei dicir que onde se corta unha árbore hai que poñer outra, pero nunca escoitei que é o que hai que facer cando se destrúe unha carballeira enteira. Cando menos, farían falta moitos... moitos anos, seguramente séculos, para poder recuperala. Mentras... as carencias das aportacións beneficiosas para a vida que procedían destes espazos redundarán seriamente nunha peor saúde da biodiversidade e, tamén, do benestar da poboación humana.
Pois iso... pra reflexionar.