O concello do Carrballiño programa diversos actos conmemorativos do 100 cabodano do pasamento da escritora Emilia Pardo Bazán
O 12 de maio deste ano 2021 cumpriranse cen anos da morte de Emilia Pardo Bazán. Diversas institucións académicas e culturais galegas e españolas están a elaborar programas para conmemorar esta efeméride da escritora, que estivo vencellada a finais do século XIX co Carballiño, debido ao seu matrimonio con José Quiroga, natural de Banga.
Naquela época, en 1885, a escritora publicou a novela El cisne de Vilamorta, que se desenvolve no Carballiño e Banga. Asemade, a novela La madre naturaleza, publicada en 1887, considerada a culminación dunha das súas obras máis célebres, Los pazos de Ulloa, contén diversas referencias concretas ás terras do Carballiño, como son as alusións ao “bizcocho de Vilamorta” e ao “río Avieiro”, ademais da paisaxe inequívoca da bocarribeira en Banga.
Por todo isto, tanto dende o concello como dende o Centro de Estudios Chamoso Lamas, considérase de sumo interese poñer en valor esta ligazón que hai entre Emilia Pardo Bazán e O Carballiño, e que é parte do patrimonio cultural carballiñés.
Entre as actividades que se prevén desenvolver, e sempre tendo en conta a evolución da pandemia pola Covid 19 e as posiblidades para a celebración dos actos, están as seguintes:
-Realizar unha reedición de El cisne de Vilamorta co obxectivo de distribuila entre o alumnado de bacharelato dos institutos do Carballiño.
-Organizar un ciclo de conferencias sobre a escritora.
-Acto de lectura pública de El cisne de Vilamorta polo alumnado de bacharelato dos institutos do Carballiño e integrantes dos colectivos culturais, que tería lugar ao aire libre ou no auditorio municipal, tendo en conta as circunstancias que haxa nese momento sobre a situación da pandemia e as medidas preventivas que haxa que tomar.
-Realizar unha ofrenda floral ante o monumento á escritora na Praza Emilia Pardo Bazán o 12 de maio, data do centenario da súa morte.
-Programar un percorrido urbano guiado polo Carballiño vencellado coa escritora e a novela El cisne de Vilamorta, así como pola historia e a configuración arquitectónica, política e social da vila naquel tempo.
-Celebración dun acto cultural ao aire libre, promovido por destacados persoeiros do ámbito nacional do teatro e da música, e cuxo evento está previsto para desenvolver durante o verán na Praza Maior.