O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon ao concello de Leiro como "exemplo de cooperación con outras entidades"
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o concello de Leiro para coñecer de primeira man as actuacións levadas a cabo ao abeiro das axudas da Vicepresidencia, que nos últimos anos supuxeron un investimento de máis de 980.000 euros para melloras ambientais e de infraestruturas.
Alfonso Rueda visitou os traballos realizados o ano pasado na Casa do Concello nos que a Xunta colaborou cunha axuda de 34.300 euros da Orde de Infraestruturas de uso público para contar cun mellor illamento térmico e acústico. A Administración autonómica destinou na última convocatoria desta liña de axudas 4 millóns de euros, 1 millón máis que o exercicio anterior, co obxectivo de poñer en marcha novas infraestruturas de servizos básicos municipais ou reformar as xa existentes.
Por outra parte, o Goberno galego financiou con 32.000 euros o acondicionamento a praza Eladio Rodríguez do concello, considerada monumento histórico-artístico, coa renovación do pavimento, os muros de mampostería e o mobiliario deteriorado, así como a substitución das balizas por outras leds. Este apoio materializouse mediante o Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destinou en 2020 un orzamento de 12,5 millóns de euros dirixidos a melloras ambientais nos municipios da comunidade. Ademais, no marco deste fondo investíronse outros 2.000 euros na rehabilitación do valado de peche da área recreativa de Pena Corneira.
O vicepresidente primeiro destacou que este concello é un exemplo a seguir no que se refire á colaboración entre entidades locais para gañar eficiencia e optimizar recursos, xa que pertence á Mancomunidade do Ribeiro, á que a Xunta apoiou en varias ocasións en distintos proxectos como o mantemento dos seus servizos medioambientais como lumes e a recollida de lixo. Tamén pertence á Mancomunidade Turística Terras do Avia, que foi merecedora dos Premios Coopera en varias edicións.