"Fai 15 dias que a Xunta está á espera de que o concello remita o listado das traballadoras do SAF para a súa vacinación", denuncia o Partido Popular, que considera "intolerable esta neglixencia". Espazo Común esixe explicacións ao alcalde.

18, Febreiro 2021

O grupo popular no concello do Carballiño asegura que "xa fai quince días desde que a Xunta de Galicia lle pediu este listado ao Concello , e o Concello segue sen mandalos. e ata que a Xunta teña estes datos, as traballadoras de Axuda no Fogar non poderán ser vacinadas". E engaden que "resulta incrible que o grupo de goberno aínda non mandase a Xunta de Galicia a lista de traballadoras do SAF que fan o seu traballo no Carballiño. Sen eses datos a Xunta non pode comezar a vacinalas, tal como están esperando, pola súa seguridade e pola seguridade da xente a que atenden".

O Partido Popular cualifica como indignante o desprezo do Alcalde do Carballiño cara as traballadoras de axuda no fogar e, sobre todo, cara os usuarios do servizo "non se pode chamar de outra maneira que a Xunta se vexa obrigada a pedir de novo os datos das traballadoras, cando o Alcalde e a Concelleira de Servizos Sociais deberían ser os primeiros que tivesen interese en que a vacinación se fixese canto antes. A día de hoxe só quedan en Galicia 6 dos 92 concellos da provincia sen mandar estes datos. A Xunta xa vacinou a 1.656 traballadores de axuda no fogar, e outros 6.184 xa están citados", polo que pregúntanse para cándo quedarán as traballadoras do SAF do Carballiño.

"Esta situación non se pode tolerar. O Alcalde ten que mandar xa a Xunta os datos que lle pediron hai máis de quince días, e se non, será responsable dos contaxios que se poidan dar entre as traballadoras e os usuarios deste servizo. E se a responsable é a concelleira de servizos sociais, o lóxico sería que o Alcalde a cesase as súas funcions, se non quere ser cómplice da súa responsabilidade. Esperamos que o Alcalde explique o que está a pasar, pois a súa neglixencia ponnos a cola da provincia en vacinación, cando somos a primeira vila por poboación. Isto ten que solucionarse de forma inmediata", manifestan dende o grupo municipal do Partido Popular no concello carballiñés.

Espazo Común

Tamén Espazo Común mostra as súas críticas, subliñando que "na tarde de onte, a Xunta de Galicia facía público un comunicado no que informaba da inminencia do comezo do procedemento de vacinación dos traballadores e traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar dos distintos concellos. Nas últimas semanas, a administración autonómica, en colaboración coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) estivo recabando a documentación necesaria para acometer o proceso nun colectivo especialmente sensible e exposto". Relatan como aconpañando a esa comunicación, incluiase unha listaxe dos 44 concellos galegos que aínda non fixeron chegar a información requerida.

"Tristemente e como xa ven sendo habitual, o Concello do Carballiño tiña que destacar negativamente e é un dos cinco únicos da provincia de Ourense que aparece nela", recolle Espazo Común, engadindo que "a pesares de ter coñecemento de que as traballadoras do servizo xa asinaron o seu consentimento hai arredor de 15 días, estes aínda non foron remitidos".

Finalmente, Espazo Común espera explicacións do alcalde Fumega "ten que contar cunha moi boa explicación, que agardamos non sexa culpar a terceiros, para xustificar este grave feito que afecta de novo a un grupo de traballadoras e aos usuarios dun servizo que xa tiveron que sufrir en máis ocasións o desleixo e a incapacidade dun goberno cada vez máis pernicioso para este pobo".