Espazo Común demandará do concello que ceda un local para que ASDIFICA poida desenvovler a súa actividade social
A Asociación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica do Carballiño e comarca (ASDIFICA) leva xa varios anos de constante crecemento, acadando gran relevancia dentro do seu eido. Entre as súas encomiables funcións está, nin máis nin menos ca a de prestar apoio e facilitar a vida diaria e a integración social e laboral dos seus asociados, destacan dende Espazo Común.
Segundo cifras facilitadas por eles mesmos, son máis de 100 persoas ás que atenden de xeito regular. Espazo Comun pon en valor o seu traballo "Con moi escasos recursos, son quen de ofrecerlles servizos coma o de fisioterapia, o de rehabilitación, o de asistencia psicolóxica, cursos ou mesmo o de orientación laboral.Incluso durante os confinamentos, estiveron a levar a termo un seguimento constante da situación de todos e cada un dos asociados, un colectivo especialmente castigado pola pandemia".
Subliñan que para acometer todas estas accións absolutamente imprescindibles nunha sociedade que pretenda ser xusta e inclusiva, sempre teñen que enfrontar un obstáculo de moita envergadura: a carencia absoluta de infraestruturas propias "levan xa case un ano nun pequeno local do concello cedido por Espazo Común, a onde chegaron por non poder seguir empregando un aínda máis cativo que tiñan prestado no Centro Sociocomunitario. Vense na obriga de alugar ou pedir prestados emprazamentos para poder seguir traballando. A todas luces, isto dificulta enormemente o día a día da asociación".
É obvio -engaden- que ASDIFICA precisa con urxencia dun lugar de seu. Habilitado, amplo e sen problemas de accesibilidade "a estas alturas, xa dispoñen incluso de convenios que lles permitirían financiar as obras que fosen necesarias para o seu acondicionamento".
Remarca ESCO que "tódolos que formamos parte deste Concello, temos a obriga moral de prestarlles todo o apoio posible e de darlle prioridade absoluta á cesión dun local, despois de diferentes conversas con eles, consideran que a mellor opción dentro das posibles, sería parte dos baixos da Estación de Autobuses".
A proposta que a través dunha mocion ante o pleno da corporación municipal vai presentar Espazo Común pasa, en primeiro lugar, porque o Concello do Carballiño tente chegar a un rápido acordo coa Xunta para que esta realice unha cesión directa dese espazo a ASDIFICA, garantíndolle un número de anos suficiente para que poidan acometer con tranqulidade as inversións necesarias para a súa adaptación.
No caso de non ser isto posible a curto prazo, demandarán que se elabore unha listaxe formal das opcións que o Concello pode ofrecerlles.