A alcaldesa de Boborás recolle a medalla do Parlamento de Galicia 2021 concedida á Fundación Antón Losada Diéguez como herdeira da Xeneración Nós
O Parlamento de Galicia entregou este martes, 6 de abril, a súa medalla á Xeración Nós, personificada nas catro fundacións que dan continuidade á memoria e ao labor dos galeguistas que a integraron: a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco. Ao acto asistiron en representación da Fundación Antón Losada Diéguez os alcaldes do Carballiño Francisco Fumega e a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, que foi a encargada de recoller a medalla.
O acto celebrouse este mediodia no Pazo do Hórreo e contou coa participación de representantes das entidades homenaxeadas, que recibiron cadansúa medalla das mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do titular do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira.
O 30 de outubro de 1920 ve a luz o primeiro número da revista Nós, ideada, editada e sostida, entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais galeguistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, círculo que se iría ampliando a un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores que participaron neste proxecto, nas súas distintas fases, ata a súa desaparición en 1936.
Personalidades como Xavier Prado “Lameiro”, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas resultan esenciais neste proxecto, ao igual que todas as figuras –preto de 200- do denominado segundo círculo, que colaboraron nas diferentes etapas da revista.
Uns e outros conformaron un conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas, mais fondamente enraizadas na realidade local. Con eles, a denominada Xeración Nós, o galeguismo comezou unha nova andaina.
A experiencia de Nós rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galicia territorial e na emigración, sinala o acordo unánime adoptado pola Mesa da Cámara.
O vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, promulgado o 6 de abril de 1981, é herdeiro e continuador do truncado Estatuto de 1936, froito do esforzo e o compromiso galeguista inzado pola Xeración Nós.
O acordo da Mesa considera que a autonomía política da Galicia actual é tributaria da semente depositada pola Xeración Nós, méritos que a Cámara galega quere recoñecer coa concesión da Medalla do Parlamento de Galicia 2021.
Por iso, no primeiro centenario da aparición da revista Nós, a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos será entregada ás catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós.
40 aniversario do Estatuto de Autonomía
Ao igual que nas edicións anteriores, a Medalla do Parlamento de Galicia entregouse esta mañá coincidindo co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que este ano celebra o seu 40 aniversario.
Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos/as expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2006); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).
No pasado ano, 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopaba disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.