O concello do Carballiño anuncia a segunda convocatoria de axudas a autónomos e empresas de actividades non esenciais durante a pandemia, cunha reserva de crédito de 300.000 euros
O Concello do Carballiño xa ten listas as bases que regularán a convocatoria para a concesión de axudas destinadas a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal, domicilio social ou local comercial radique no termo municipal do Carballiño e cumpran os requisitos que se establecen nas bases. Unha das novidades con respecto á edición anterior é a inclusión dos negocios que teñen o domicilio fiscal fora do Carballiño, aínda que dende o Concello do Carballiño saliéntase que o correcto é ter o domicilio fiscal e social no mesmo lugar, e por iso se recomenda correxir esta situación.
O goberno municipal ten o obxectivo de financiar parte do gasto corrente das persoas autónomas, micropemes e pemes do Carballiño que foron consideradas actividades non esenciais e, polo tanto, pechadas, total ou parcialmente, como consecuencia da adopción da ORDE de 21 de outubro de 2020 da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención froito da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Terra de Celanova, Valdeorras e Verín, na provincia de Ourense e a ORDE de 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nesta ocasión, a concesión das subvencións reguladas nesta convocatoria realizaranse en réxime de concorrencia non competitiva, polo que se terá en conta a orde temporal de entrada da solicitude ata rematar o crédito orzamentario destinado a esta finalidade, que é de 300.000 euros. Ademais, as axudas serán compatibles con calquera outra para a mesma finalidade, sempre que o importe total subvencionado non supere o gasto total realizado e xustificado. Asimesmo se establece un límite máximo de subvención do 100% do total do gasto subvencionable, e os límites máximos de subvención por beneficiario serán de 1.000 euros. Tamén salientan dende o concello que nesta segunda liña de axudas serán gastos elixibles todos aqueles derivados da actividade empresarial e comercial, directamente vencellados á xestión da mesma nos que os solicitantes tiveran incorrido dende o 1 de outubro de 2020 ata a data de finalización do prazo de presentación da solicitude de subvención. Así, atópanse entre os gastos elexibles os de alugueiro de local, os de consultaría e xestoría, os de suministros (electricidade, auga, etc..), os de marketing e promoción dixital ou os sanitarios e de desinfección (mascarillas, xel, luvas, limpezas especiais do establecemento…).
Ademais, o goberno municipal do Carballiño tamén pretende incluir os gastos de adquisición de sistemas de rexistro de clientes analóxicos ou dixitais, os medidores de concentración de CO2 ou os filtros HEPA, sempre que non exceda o seu coste unitario de 500 euros. Finalmente, os responsables municipais entenden que estas bases melloran as anteriores e pretenden que o proceso poda quedar finalizado durante o mes de maio. De feito vanse facilitar as bases con tempo suficiente para que os solicitantes podan ir preparando a documentación, incluso na próxima semana celebrarase unha reunión cos responsables do CCA para tratar este tema. Dende o concello do Carballiño, saliéntase que é un dos gobernos locais que fixeron un maior esforzo na protección social fronte aos efectos da pandemia e adiantan que en breve poranse en marcha outras medidas como as dos bonos locais de comercio ou turísticos.