Argimiro Marnotes renuncia a acta de concelleiro tras 18 anos na vida municipal no concello do Carballiño, faino "para dedicarse plenamente á presidencia do CD Arenteiro".
Argirmiro Marnotes comunicou esta mañá nunha comparecencia ante os medios informativos a súa renuncia como concelleiro da corporación municipal do Carballiño, da que formou parte nos últimos 18 anos, catro deles como alcalde e oito como portavoz do grupo municipal popular, cargo do que foi relevado por Ricardo Perea tralas eleccións municipais de 2019.
Marnotes decide renunciar a súa acta de concelleiro para ter maior dedicación como presidente de Club Deportivo Arenteiro tras consumarse o ascenso do primeiro equipo da entidade á Segunda Federación do fútbol español.
"Quería darvos as grazas a todos, pois sei que vos alegrastes do ascenso do Arentiro, do que son presidente dende fai 10 meses, este ascenso ten unhas consecuencias inmediatas pois ser presidente dun club asi en nova categoria con máximas esixencias necesita tempo e dedicación", subliñou,
Desta maneira, Argimiro Marnotes deixa atrás unha etapa certamente lonxeva como edíl do concello carballiñés, sendo un dos concelleiros con máis anos de presenza na corporación municipal. Tivo sentidas palabras de agradecemento "para todos os que me soportaron durante este tempo, membros das distintas corporacións de todas as cores políticas, a todos os que foron concellais do PP conmigo, ao persoal do concello, deixo unha etapa marabillosa da miña vida, sempre actúei coa intención de favorecer o interese xeral de toda a veciñanza e o progreso do pobo, e pido discupas polos fallos que poidera ter cometido", subliñou, poñendo en valor e facendo unha chamada á veciñanza carballiñesa para que se involucre no compromiso da política local "independientemente das siglas coas que se faga".
Agora, unha vez presentada a súa renuncia no rexistro do concello, a vacante que deixa no grupo municipal popular correspóndelle cubríla a Pilar Caride, que xa exerceu tamén durante varios anos como concelleira, regresando á corporación carballiñesa asi en substitución de Marnotes.