Medio Rural e concello do Irixo organizan unha xornada informativa para promover a recuperación da terra agraria no municipio
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro telemático co alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, para coñecer as necesidades e demandas relativas ao agro dos veciños deste municipio e afondar nas posibles melloras nas súas infraestruturas. Neste senso, o conselleiro e o rexedor do municipio acordaron levar a cabo unha xornada informativa sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no mes de setembro.
Esta acción celebrarase co propósito de explicar aos veciños da localidade as oportunidades derivadas desta lei no relativo á xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación. O texto legal ten como obxectivo poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Deste xeito, conséguese unha anticipación ante os lumes forestais, ao mesmo tempo que se traballa pola recuperación demográfica e o asentamento no rural.
Doutra banda, o conselleiro lembrou que o concello do Irixo beneficiouse dun total de 115.150,34 € nas últimas tres convocatorias do plan Marco para a mellora dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. Un orzamento que permitiu darlle un pulo ás condicións de vida dos veciños e veciñas da localidade ao mellorar as canles de entrada e saída das producións rurais do concello.