Leiro celebra o domingo 4 de Xullo a XXXVII Carreira Popular
O domingo, 4 de xullo, o Concello de Leiro acollerá a 37ª edición da súa Carreira Popular, na que participarán 250 atletas de categorías absolutas nun circuíto de algo máis de 8.000 metros con saída e meta no Salgueiral. Os detalles da proba foron presentados esta mañá no Pazo Provincial coa asistencia do vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e os concelleiros de Deportes e de Cultura, Luis Iglesias e Ramón Álvarez.
A carreira, que marcou un récord ao esgotar nun só día o número de dorsais, conta coa colaboración do club Atletismo Arenteiro, formando parte ademais do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e estando baixo o control do Comité Galego de Xuíces. O formato empregado será o de contrarreloxo, con saídas escalonadas de cinco en cinco atletas cada vinte segundos para evitar aglomeracións e manter así as medidas de prevención fronte á covid-19.