A campaña de recollida de sinaturas impulsada polo BNG en contra da suba da luz chegou á feira do Carballiño
A campaña de recollida de sinaturas en contra da suba do recibo da luz iniciada hai algunhas semanas polo BNG chegou hoxe ata O Carballiño, onde os nacionalistas contaron cunha ampla aceptación e participación por parte da veciñanza.
Para a concelleira Sofía García, "non podemos quedarnos cos brazos cruzados diante desta estafa permanente onde vemos incrementado constantemente o prezo da electricidade". García avanzou que rexistrarán unha moción para ser debatida no vindeiro pleno municipal e na que solicitarán eliminar o imposto especial á electricidade, a rebaixa do IVE do 21% ao 4% e a creación dunha tarifa eléctrica galega.
Na mesa tamén estivo presente a deputada por Ourense no Parlamento galego Noa Presas, quen destacou unha vez máis "o clamor das galegas e galegos ante a estafa continua do incremento do recibo da luz".
Segundo Presas, "no día de onte a electricidade bateu un récord histórico no que a incremento se refire nun mes de xuño", ao tempo que engadía que esta situación "é insoportable e non se pode admitir nun contexto económico marcado pola pandemia da COVID-19 que fai que as Pemes e as familias estean nunha situación crítica".
Noa Presas lembrou ademais a situación de Galiza, "país produtor excedentario de enerxía eléctrica que pese a ter na actualidade dúas centrais térmicas pechadas exportou ao redor dun 29% de enerxía".
Desde o BNG reclámase xustiza social, que haxa un IVE rebaixado ao 4% xa que "a rebaixa so ata decembro ao 10% non é suficiente" así como a creación dunha tarifa eléctrica galega que teña en conta as particularidades de Galiza como país produtor.
Por último, Presas lamentou que o goberno central de PSOE e Unidas Podemos estea practicando a mesma política enerxética que o PP "defendendo os intereses das grandes eléctricas e en contra dos intereses da cidadanía".