O PSdeG-PSOE reproba ao alcade de Leiro: “todo fai prever que non se cumpriu co establecido no contrato e non se limparon as fosas sépticas" e asegura que a veciñanza pagou por elo 42.000 euros.
O PSdeG-PSOE de Leiro critica que o rexedor do municipio, o popular Francisco José Fernández, non pode “xustificar” o desembolso de 42.000 euros achegados pola veciñanza para a limpeza das fosas sépticas. Os socialistas denuncian que levan máis de dous meses solicitando a documentación sobre a limpeza destas fosas no termo municipal de Leiro e atópanse agora con que a resposta do rexedor e que “se comprobou que están en orde” e que “de cando en vez se miran como están”.
Para o Grupo Municipal Socialista esta resposta e modus operandi do grupo de goberno municipal do Partido Popular deixa en evidencia que o alcalde e o seu equipo “descoñecen” o contido das cláusulas do contrato da auga, así como o estudo técnico que eles mesmos aprobaron a finais de 2014. Os socialistas tamén lembran que o propio alcalde “asumiu persoalmente” a responsabilidade do control e a fiscalización da execución e cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria. Dentro de ese contrato e do estudo técnico que regula o servizo municipal de auga faise referencia a que as catorce fosas sépticas que recollen as augas residuais de 223 veciños e veciños téñense que limpar dúas veces ao ano cada unha delas. A veciñanza desembolsa por este servizo 7.000 euros anuais polo que despois de 6 anos dende a firma, a cantidade desembolsada chega xa os 42.000 euros, afirman.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro, Manuel Rodríguez, “todo fai prever que non se cumpriu co establecido no contrato e non se limparon as fosas sépticas”. O concelleiro socialista acusa ao alcalde de “estar encubrindo” estes incumprimentos, namentres alardea de “traballar polo benestar e dereitos da veciñanza”, pero “permite que se lle cobre por un servizo de limpezas de fosas sépticas que non se está cumprindo”.
Os socialistas tamén poñen o foco na preocupación do rexedor polo desabastecemento de auga que se produce coa chegada da época estival. Para Rodríguez “resulta difícil entender que non haxa auga”, xa que tal e como explica o volume de almacenamento de auga, segundo o estudo técnico do Concello, “contempla un total de oito depósitos cunha capacidade de 988 metros cúbicos”. A demanda diaria de auga é de 135,5 metros cúbicos e tal e como sinala o voceiro socialista “aínda que no verán se dobra a poboación de Leiro, a reserva de auga seguiría sendo de 717 m3”.
Ante esta situación, os socialistas teñen claro que todo indica a que o problema da falta de auga “ven motivado polas graves fugas de auga que hai na rede municipal”. Dende o Grupo Municipal Socialista teñen claro que estas fugas de “gran magnitude xeran un desgaste e deterioro acelerado das instalacións que da lugar a un mantemento correctivo das avarias, que non se contempla no contrato coa concesionaria e que polo tanto corre a cargo dos veciños e en consecuencia da veciñanza”. Os socialistas esíxenlle ao alcalde que se “deixe de grandilocuencias e se baixe o terreo a comprobar as consecuencias da súa nefasta xestión ao fronte do Concello de Leiro”.