Os concellos de Maside e O Carballiño avanzan no proxecto de ampliación do parque empresarial, que terá unha superficie de 1.234.810 m2
O pasado día 12 de xullo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS) solicitou na Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria da modificación da "Modificación puntual núm. 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia", previsto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, que a Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, integra no procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio.
Antes de emitir o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, o órgano ambiental debe consultar ás administracións públicas afectadas.
En data 15 de xullo recibiuse no Concello do Carballiño e no Concello de Maside un escrito do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas no que se solicita que se lles dea traslado das observacións e suxestións que, no ámbito das competencias de ámbolos dous concellos, se estimen convenientes aos documentos achegados polo IGVS dos que consta a modificación do referido plan sectorial: un documento inicial estratéxico e un borrador da proposta.
Os dous Concellos deberán pronunciarse no prazo máximo de trinta días hábiles. O prazo para esta consulta estará aberto, polo tanto, ata o día 25 de agosto.
Na "Modificación puntual núm. 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia" recóllense 17 alternativas de delimitación das Áreas Empresariais de Galicia.
A alternativa núm. 9, que ten como nome da Área: "PARQUE EMPRESARIAL DE O CARBALLIÑO – MASIDE", ten como código da Área: 32019013 e ten como promotor: IGVS / XESTUR GALICIA, S.A. responde ao obxectivo de ampliar o Parque Empresarial do Carballiño, afectando ao Concello de Maside.
A xestora tamén será o IGVS / XESTUR GALICIA, S.A. e a superficie da área pasarás a ocupar 1.234.810 m2.
As grandes afeccións que presenta a área empresarial son sobre unha liña de subministración de enerxía eléctrica de 132 kV, sobre a liña de ferrocarril de alta velocidade, sobre a estrada autonómica OU-504 e sobre o regato do Varón, deixando neste caso unha banda de protección de zona verde en virtude do resultado do estudo detallado de inundabilidade e do medio natural asociado.
O acceso ao futuro parque empresarial realizarase dende a glorieta sur do enlace da OU-504 e respectando a liña límite de edificación mediante a cualificación de sistema xeral viario dos terreos comprendidos entre o dominio público da estrada e dita liña.
O planeamento urbanístico vixente no Concello do Carballiño é un PXOM 11.03.1999 (DOG 07.04.1999) e o vixente no Concello de Maside son unhas NNSSPP 29.10.1985 (BOP 03.03.1988).
Os concellos de O Carballiño e Maside constitúen unha unidade territorial localizada no noroeste da provincia de Ourense; concretamente na comarca de O Carballiño. Esta comarca atópase no ámbito de influencia da área urbana de Ourense, xa nas proximidades do dominio do Ribeiro. O eixo de conexión Santiago-Ourense, ten aberto novas lóxicas e funcións neste espazo, que ocupa unha ampla extensión da Galicia central e sur, na transición entre as provincias de Ourense e Pontevedra.
Curiosamente esta unidade territorial posuía a mesma poboación en 1981 que na actualidade, aínda que os comportamentos de cada un dos dous concellos que a compoñen, foron totalmente opostos. Conta, no ano 2020, con 16.798 habitantes por 16.199 a principios dos anos 1980. No momento actual, O Carballiño achega 14.089 persoas polas 2.709 de Maside. Este reparto hai corenta anos era máis equilibrado pero as dinámicas socioeconómicas fixeron que Maside perdese case o 50% da súa poboación e O Carballiño gañase case un 30%, evolucionando positivamente dende os 11.039 habitantes que rexistrou en 1981. O grande momento de evolución positiva e negativa de ambos os dous concellos prodúcese ata o censo do 2011, momento no que se observa un estancamento da poboación.
No documento das Directrices de Ordenación do Territorio, O Carballiño aparece como unha cabeceira do sistema urbano intermedio, como núcleo central da súa comarca e pola existencia nesta vila de diferentes dotacións e servizos administrativos aos que acude a poboación dun extenso número de asentamentos.
As mesmas directrices sinalan que cómpre manter na comarca as incipientes industrias que crearon emprego, como as ligadas á construción ou ao sector madeireiro. Ademais, este feito debe combinarse co reforzo de ámbitos produtivos xa asentados e que contan con estándares de calidade, como é o caso do termalismo, e, en parte, do viño, posto que algunhas zonas quedan incluídas nas áreas de influencia do microclima característico das terras do Ribeiro.
Ao Carballiño identifícaselle unha capacidade de articular e modular os fluxos dos sistemas urbanos da franxa atlántica de Galicia con Ourense, grazas ao factor de oportunidade que supón a posta en servizo da totalidade da autovía entre Santiago e Ourense e a nova vía de acceso á vila. Os factores de desenvolvemento anteriores gañan enteiros a medida que o espazo ten adquirido centralidade coas novas infraestruturas de comunicación.
En canto á paisaxe e patrimonio natural, o ámbito de estudo atópase encadrade na grande área paisaxística da Galicia Central.
Se analizamos a situación actual e a problemática das áreas empresariais de Carballiño, O Carballiño conta cun parque empresarial consolidado situado ao surleste do seu núcleo urbano capital e ao carón da estrada autonómica OU-504.
O PSOAEG recoñeceu tres áreas en funcionamento:
• 32019011 P.E. de O Carballiño. Fase I
• 32019012 P.E. de O Carballiño. Fase II
• 32019021 P.I. de A Uceira
As fases I e II do P.E. de O Carballiño, no seu estremo sur-leste, abranguen terreos que pertencen ao Concello de Maside.
Os Concellos do Carballiño e Maside expresaron ao IGVS a necesidade de ampliar o actual parque empresarial en consideración ao seu estado consolidado e á necesidade de dar resposta á demanda de solo industrial na Comarca do Carballiño.
Asumida a idea da necesidade de ampliar a oferta de solo empresarial en Carballiño e Maside, debido á existencia de demanda e ao esgotamento do actual parque, como puntos ou condicións de partida, podemos enumerar as seguintes:
• A ampliación debe ser tal, entendida como solución de continuidade do actual P.E.
• Resolverá con acerto as dificultades que derivan da inserción na trama urbana de uso industrial e residencial de Carballiño
• Situarase en proximidade aos principais nodos de comunicación, ben na nacional N-541 ou ben na autonómica OU-504.
• Terá en consideración os límites físicos recoñecidos no núcleo urbano residencial de Carballiño e na traza da liña do AVE ao norte.
Como solución inicial ou proposta (Alternativa 1) delimítanse dous polígonos descontinuos. Un deles situado no Carballiño, de 231.485 m2 de superficie, ao oeste do Polígono industrial de A Uceira, dando continuidade ao urdido urbano industrial, mais, sen ocupar terreos que afecten a áreas edificadas. Abrangue terreos clasificados de rústicos e de solo urbano residencial, estes últimos, en pequena proporción, e que deberán cambiar a cualificación cara a usos terciarios.
Por outra banda, proponse unha segunda bolsa de solo de 1.003.325 m2 de superficie no termo municipal de Maside, á outra banda da estrada autonómica OU-504. Esta nova área acomódase entre os límites desta estrada, a vía do ferrocarril (AVE) e a estrada municipal que une a zona industrial do Carballiño coa estrada nacional N-541, ata a súa aproximación ao núcleo de Dacón. Abrangue terreos de natureza forestal e incorpora dous enclaves industriais existentes. A topografía resulta favorable na meirande parte do ámbito.
Como alternativa á proposta (Alternativa 2), e que resultou rexeitada, delimitouse un único polígono, de 514.886 m2 de superficie, no municipio do Carballiño. Neste caso, ocupábanse os terreos situados entre o P.I. de A Uceira e o eixo definido pola liña do FF.CC. e a estrada nacional N-541. No linde noroeste, a delimitación acomodábase ao corredor verde asociado a unha liña de escorrenta que tributa augas abaixo no Regato de Varón. No linde sudeste, facía de límite un conxunto de cuarteiróns residenciais. Nesta opción, ocupábanse terreos con vexetación autóctona e onde existen vivendas unifamiliares illadas que terían que desaparecer.
Nas fichas actuais de viabilidade, da totalidade dos Parques Empresariais que se modifican no referido plan sectorial autonómico, resultou acadar un 80 sobre 100 de viabilidade.
O esgotamento do solo empresarial no Carballiño e a existencia de demanda de solo motivan a ampliación do actual P.E. do Carballiño.
A existencia de condicionantes físicos e urbanísticos motiva que a proposta de ampliación sexa descontinua. Por unha banda, proponse unha bolsa de solo de 231.485 m2 de superficie ao oeste do Polígono industrial de A Uceira, dentro do termo municipal do Carballiño, que se acomoda entre os límites do solo urbano do Carballiño dando continuidade ao urdido urbano. Abrangue terreos rústicos e unha porción de solo urbano residencial que deberá cambiar a cualificación cara a usos terciarios.
Por outra banda, proponse unha segunda bolsa de solo de 1.003.325 m2 de superficie no termo municipal de Maside, a outra banda da estrada autonómica OU-504. Esta nova área acomódase entre os límites desta estrada, a vía do ferrocarril e a estrada municipal que une a zona industrial do Carballiño coa estrada nacional N-541, ata a súa aproximación ao núcleo de Dacón. Abrangue terreos de natureza forestal e incorpora dous enclaves industriais existentes. A topografía resulta favorable, con pendentes practicamente chans.
Nota: Esta información foi facilitada por Óscar Gonfer, arquitécto e técnico municipal do concello de Maside.