O Círculo de Podemos no Carballiño pídelle ao Concello un plan de ocio libre de LGTBIfobia, tras denunciar ataques homófobos entre a xuventude carballiñesa
O Círculo Podemos no Carballiño vén de presentar unha proposta para traballar no desenvolvemento dos dereitos das persoas LGTBI e por unha vila libre de LGTBIfobia. Con isto pretende a implicación do conxunto de actores e veciñanza para frear a número crecente de agresións e vandalismo por motivos de LGTBIfobia.
“A loita contra a LGTBIfobia require do traballo conxunto das distintas institucións xunto a colectivos e veciñanza”, indica a enlace de feminismos do círculo, Alba González, quen continúa explicando que “por iso pedimos o respaldo da corporación a unha serie de medidas que van encamiñadas a dar unha resposta colectiva contra a LGTBIfobia”.
Esas medidas van dende o deseño dunha campaña para un ocio libre de LGTBIfobia, en colaboración coas asociacións de hostaleiros, ata a creación dun punto de información LGTBI municipal ou distintas iniciativas en colaboración cos centros de ensino posto que como sinala a enlace de feminismos, Alba González, “a educación é clave para erradicar a LGTBIfobia e máis cando falamos de que algúns destes actos violentos teñen como protagonistas a xente nova”.
Ademais, vimos de ter constancia de que entre a xuventude da vila se están a recibir ameazas nas redes sociais a certas mozos e mozas, ameazas que poñen como referente o ataque homófobo que se cobrou a vida de Samuel Luiz na Coruña, engade Manuel Nogueira voceiro local da agrupación morada, “ actitudes que son unha lacra e que repudiamos totalmente e contra as que a sociedade ten que loitar unida”.
Dende o círculo podemita poñerán en coñecemento das autoridades pertinentes as distintas capturas e mensaxes volcadas nas redes sociais das que teñen constancia, para que se actúe en consecuencia.
Finalmente, Podemos pide que a Xunta de Galicia se involucre poñendo os recursos para desenvolver de maneira axeitada a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, que lle dea impulso ao Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero para que sexa unha ferramenta eficaz e que, en diálogo cos colectivos LGTBI, redacte unha Lei Trans Galega.