O Festival de Teatro Galego presenta un programa reducido a tres dias, do 5 ao 7 de Setembro
A edición 2021 do Festival de Teatro Galego terá dous escenarios, o auditorio municipal, onde se presentarán as obras de teatro sempre a partir das 22.00 horas, e a Casa da Cultura, onde desde ás 19.00 horas o público poderá gozar dos monólogos. Así, o domingo 5 de setembro no auditorio está programada a estrea da obra do CDG Serva me, servabo te; o luns, día 6, será a quenda para a compañía Traspediante coa obra Bailar agora; e na última xornada, día 7, La Quintana Teatro estreará O Premio.
Polo que respecta aos monólogos, o día 5 na Casa da Cultura Patty Diphusa-Malala Ricoy presenta o seu traballo Sexo seguro, seguro? Seguro! A compañía O Chuso de Catoira interpretará o día 6 Un vikingo no Fetega; e no último día do festival, o martes 7, Marta Doviro falará das súas Memorias dunha rapasa na costa.
Como actividades paralelas haberá teatro de rúa con Barafunda, que ao longo do festival presentará os espectáculos titulados A rede social, Carballiño me gusta e O Mundo interactúa no Fetega. Na sala de exposicións do auditorio están programadas dúas mesas redondas que abordarán A violencia de xénero escondida na arte, e O amor versus a sexualidade: ferramentas de subxugación ao rol feminino.
O festival, reducido este ano a tres dias de programación, pecharase o martes día 7 coa entrega do citado premio de honra, así como dos galardóns á mellor actriz e actor, ao mellor espectáculo e monólogo cómico. As xornadas teatrais están organizadas pola asociación FETEGA,coa colaboración económica do concello carballiñés, Xunta e Deputación.