A igrexa de San Martiño de Sagra difundirá a imaxe do Carballiño polo mundo a través do correo postal
O Liceo de Ourense acolle a exposición filatélica que cada ano, dende hai máis de trinta, organiza a Sociedade Filatélica Miño con motivo da celebración do San Martiño, patrón da cidade de Ourense.
Tamén como acontece en cada convocatoria a Miño presentou este luns o selo dedicado a unha das igrexas da provincia que están vencelladas á devoción polo santo de Tours. Neste 2021 a elexida foi a igrexa de San Martiño de Sagra, en O Carballiño, e o Concello non pode por menos que agradecer a decisión da Sociedade Filatélica Miño pola escolla.
O selo, o sobre co retablo de San Martiño de Sagra e o mataselos correspondente, no que se fai constar a data, servirán para espallar a imaxe da parroquia de Sagra, e do Carballiño por extensión, a través do correo postal.
A exposición anual do San Martiño da Sociedade Filatélica Miño, que neste 2021 celebra a súa trixésimo primeira edición, está aberta ao público no Liceo de Ourense ata o día 21 de novembro e na mesma amósanse interesantes propostas de filatelia, numismática e coleccionismo, ademais de organizar actividades formativas e visitas para asociacións culturais e centros educativos.