A Xunta reactiva o programa "Xuntos polo Nadal", que ofertará 246 prazas na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, terán preferencia as persoas maiores que viven soas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a reactivación de dous programas no ámbito social, Xuntos polo Nadal e Montaña en familia, que foran suspendidos en 2020 a causa da pandemia. Un destes programas, Xuntos polo Nadal desenvolveráse na Residencia de Tempo libre do Carballiño e ofertará un total de 246 prazas, do 21 de Decembro de 2021 ao 7 de Xaneiro de 2022.
Nese sentido, sinalou que para levalos a cabo os centros turísticos da Comunidade poñeranse á disposición dos colectivos que máis o necesitan, as familias de especial consideración e as persoas maiores que viven soas. No caso do programa Xuntos polo Nadal, que permite que as persoas que viven soas teñan con quen compartir esas datas tan especiais, ofrecerá este ano dúas quendas de 8 días cada unha, o que permitirá duplicar as prazas.
Outra das novidades serán a gratuidade do programa para as persoas beneficiarias e a obrigatoriedade de estar vacinados contra a covid-19. Ademais, para reforzar a seguridade realizarase un test de antíxenos á chegada ás instalacións. Sobre este punto, ademais de lembrar que esta iniciativa inclúe a manutención completa, desprazamentos ata a residencia e un amplo programa de actividades de animación e tempo libre, Feijóo tamén explicou que de superarse o número total de prazas, darase prioridade ás persoas de máis idade, ás que perdesen recentemente aos seus cónxuxes ou a persoa coa que convivisen e ás que non participasen antes no Xuntos polo Nadal. E por último, en relación ao prazo de solicitude, salientou que estará aberto ata finais de mes e se poderá realizar tanto a través da web como presencialmente.