A "Alta velocidade termal", a estratexia da Deputación que incluirá a "Mobilidade á carta" entre o AVE e os balnearios

14, Decembro 2021

O sector termal será o primeiro en contar cunha estratexia singular "orientada ao aproveitamento das vantaxes que ofrecerá a alta velocidade ferroviaria, axudando así a optimizar a competitividade dos nosos balnearios", anunciou hoxe o presidente da Deputación, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo no Pazo Provincial cos representantes dos balnearios da provincia. Unha estratexia de "Alta velocidade termal" que xa estará incluída no programa de Termalismo Social 2022 e que ademais contempla un acordo con Renfe para unha nova modalidade de estancias termais de fin de semana, a loxística necesaria para facilitar o desprazamento dos viaxeiros do AVE ata os establecementos e unha campaña de promoción do termalismo provincial nos trens.

A chegada da alta velocidade "é un punto de inflexión na colaboración que a Deputación de Ourense mantén desde hai sete anos con RENFE no ámbito do sector termal, a través da sinatura de convenios que facilitan a mobilidade desde 50 estacións de tren de toda España ata Ourense, de maneira dixital e con paquetes de estancias e tratamentos", lembrou Manuel Baltar, destacando que este todo este tempo "xestionáronse máis de 15.000 pernoctacións nos balnearios de persoas procedentes doutras provincias".

A estratexia "Alta velocidade termal" é o resultado de meses de traballo entre o goberno provincial e Renfe para adaptar o actual modelo ao novo xeito de comunicación ferroviaria, con más frecuencias, menor tempo de desprazamento no eixo Madrid-Ourense, novos horarios de conexión e unha nova política de prezos.

Neste sentido, no presente mes de decembro a Deputación publicará o Programa de Termalismo Social 2022, no que xa estará incluída a "Alta velocidade termal". Así, as estancias semanais, de luns a sábado, veranse favorecidas pola redución de tempos non só entre Madrid e Ourense, senón tamén nas conexións con máis de 30 estacións.

Outro dos aspectos clave é a mobilidade entre a estación de Ourense a os balnearios. A alta velocidade facilitará a chegada de persoas á capital da provincia, pero para que este factor de competitividade sexa aproveitado polos balnearios do Carballiño, Cenlle, Arnoia ou Lobios cómpre ter en conta o desprazamento desde la estación AVE a estes centros. Con este fin seleccionáronse unha serie de frecuencias, de entre as dez dispoñibles desde Madrid, para centrar a loxística necesaria que inclúa a estación de orixe, a estación de Ourense e o balneario.

A Deputación, Renfe e os balnearios tamén estudan a posta en marcha dunha nova modalidade de estancias termais de fin de semana, que incluiría o AVE unido a un sistema de "mobilidade á carta", tanto desde a estación ao balneario como desde o balneario aos principais recursos do territorio. Nesta liña estase a deseñar para o mes de xaneiro un proxecto piloto con algunha comarca, ampliándose despois a máis zonas da provincia.

Entre os acordos alcanzados con Renfe figura ademais unha campaña de promoción dos balnearios ourensáns coincidindo co inicio das viaxes comerciais da alta velocidade, coa emisión dun vídeo sobre o programa "Ourense, la provincia termal" e outras campañas publicitarias a desenvolver no primeiro trimestre de 2022.