O BNG propón unha parcela de titularidade privada de 6.000 m2 como ubicación ideal para o Centro Integral de Saúde

29, Decembro 2021

A voceira municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, ven de manifestar a intención do BNG do Carballiño de propoñer como ubicación do novo Centro Integral de Saúde do Carballiño "os terreos situados en fronte da Estación de ferrocarril de Renfe".

O espazo proposto polas nacionalistas comprendería os terreos situados entre as rúas Vicente Risco, rúa Eladio Rodríguez González , a rúa Ourense e a Avenida 25 de xullo. "Este terreo está constituído por varias parcelas que suman seis mil metros cadrados, satisfacendo a demandado Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galiza ao alcalde do Carballiño",subliñan.

Estes terreos garanten un bo acceso tanto para peóns como para vehículos, ademais a súa proximidade á estación de tren, que vai albergar a futura intermodal, onde estacionarán os autobuses garanten unha boa conexión para a veciñanza da contorna, indicou García, e sobre todoun bo espazo para xestionar o servicios médicos de emerxencia.

“Entendemos que as ambulancias, como helicópteros teñen que ter unha vía rápida de entrada e saída para atender urxencias, pois a parte de Centro de Saúde, este centro tamén é un PAC encargado de atender a toda a comarca”, manifestan.

Para o BNG esta parcela ofrece unha localización estratéxica pola súa comunicación extraordinaria coa Autovía AG-54, que se sitúa a só 550 metros, permitindo unha conexión terrestre moi rápida co Hospital de Ourense e co Hospital de Vigo se fose preciso. E ademais unha sinxela conexión coa AG-53, que favorecería a comunicación con Santiago e A Coruña.

Entre a antigüidade do actual centro de saúde do Carballiño, o abandono, a falta de mantemento, o non adaptalo progresivamente ás necesidades do Carballiño, fan que a localidade do Carballiño precise de forma urxente a construción dun novo centro de saúde, que vistas as necesidades detectadas debe ser un Centro Integral de Saúde.

Para que o novo centro de saúde responda ás necesidades da poboación do Carballiño, sinalou a voceira nacionalista, a parte da dotación que depende da Xunta, como dependencias, especialidades e persoal que vai traballar alí, ten que estar ben situado. "Esta parcela cumpre con isto, e co resto de indicacións do conselleiro de Sanidade, de pór a disposición da Xunta unha parcela que cumpra cos requisitos iniciais esixidos polos técnicos, como os 4.500metros cadrados, que sexa accesíbel,e que sexa céntrica", aseguran dende o BNG carballiñés.