"A inacción do Concello do Carballiño mantén o proceso paralizado para a ubicación dun novo centro de saúde mentres os partidos políticos seguen ofertando solares á carta", lamenta o Partido Popular, que aposta pola estación de buses como mellor opción.

30, Decembro 2021

Tras a última Xunta de Voceiros, convocada para darlle forma á proposta de terreos necesarios para a ubicación dun novo Centro de Saúde, o Grupo Municipal do Partido Popular, expón o seguinte:

-En primeiro lugar, entendemos que o Concello do Carballiño a vista de que non ten en propiedade un solar axeitado, nin tampouco a decisión política sobre onde debería ubicarse o novo centro de Saúde, debería de ter feito un concurso público no que fose transparente en canto as necesidades de parcela, condicións urbanísticas e prezo máximo que estaría disposto a pagar; e xa cunha partida orzamentaria prevista, para que todos aqueles donos de parcelas interesados en ofertalas puidesen presentar as súas propostas e o Concello valoralas segundo criterios obxectivos e claros.

-De non ser así, que sería o ideal, e que evidentemente xa non foi, como mal menor e entendendo que se collería con pinzas o procedemento, o concello alómenos debería de ser quen de valorar primeiramente todas aquelas ofertas que de forma voluntaria se teñan presentado por rexistro no propio Concello por parte de propietarios de solares, de forma que se poida ver con claridade as condicións do solar e o prezo que se pide, para poder ser valorados e se fose preciso, negocialos.

Ao Grupo Municipal do PP, parécenos cando menos un atrevemento infundado, que sexamos os grupos municipais quen teñamos que decidir sobre solares existentes sen ter un contacto e ofrecemento do seu propietario, pois é máis representativo doutros réximes que non son precisamente os democráticos e ademais sen ter en conta as normativas urbánisticas (PXOM). E si se fixera previo contacto cos propietarios, a forma mais transparente de facelo sería, como propuxemos dende un principio, vía ofertas dos propietarios a través dun procedemento cun concurso público municipal.

Motivado pola falta de solar municipal, ou concurso público previo, ou cando menos unha mínima negociación entre Concello e Particulares, o Grupo Popular só se ve capacitado para poder dar como solución aquela que está xa en mans da propia Xunta de Galicia, quedando a expensas de que se poida valorar algún outro solar particular que sendo ofertado por os seus donos, cumpra cos requisitos previstos pola Lei para a súa adquisición por parte do Concello do Carballiño, e que se poida adquirir nun prazo de tempo axeitado para que non se perda a inversión prevista por parte da Xunta de Galicia para a construción do que sería un NOVO CENTRO DE SAÚDE PARA O CARBALLIÑO.

Todo elo nos leva a estudiar a ubicación do NOVO CENTRO DE SAUDE na propia parcela que hoxe alberga a Estación de Autobuses.

¿Cal é a razón que nos leva a esta proposta?

Xa explicado o anterior, podemos dicir que a parcela onde se ubica na actualidade a estación de autobuses é propiedade do Concello e cedeuse no seu día a Patrimonio da Xunta de Galicia para a instalación da Estación de Autobuses.

A día de hoxe existe o compromiso por parte da Xunta de Galicia de trasladar a actual Estación de Autobuses á propia estación do Tren, facendo así unha estación intermodal, moi necesaria no Carballiño, e que serviría para ordenar o transporte de viaxeiros en franxas horarias, principalmente con destino a estación intermodal de Ourense, con transportes terrestres y/ou ferroviarios en forma de lanzadeiras, adecuando os seus horarios ás saídas e chegadas a estación intermodal de Ourense.

Tan pronto se puidese asinar un convenio entre Concello, ADIF e Xunta, esta estación intermodal sería unha realidade, co que o edificio da actual estación de Autobuses quedaría sen uso, de forma que a Xunta podería dispoñer do espazo necesario para o Centro de Saúde, simplemente facendo un cambio de uso do solar.

REFERIDO Á PARCELA DA ESTACION DE AUTOBUSES EXPOÑEMOS O SEGUINTE:

1º.- Localización:
O solar no que se ubica a actual estación de autobuses atópase na Avenida do Balneario, vía que conta cun ancho de 25 metros, y a que se pode acceder directamente desde a carreteira Xeral Ourense-Pontevedra N-541, da que dista uns 300 metros. Ao mesmo tempo está dentro do núcleo urbano, polo que o acceso a pé e factible para unha gran parte dos veciños.
Ademais da vía principal (Avda. Do Balneario), outras dúas fachadas dan a rúas públicas, as rúas Tras Campo da Feira e Rúa Tras Estación de Autobuses, de forma que tres das súas catro fachadas dan a unha vía pública.

As prazas de aparcamento existentes na zona non serían suficientes para a cantidade de vehículos que o novo centro de Saúde podería atraer, polo que, necesariamente, a infraestrutura debería contemplar a creación dun aparcamento. Como xa expuxemos a circulación de vehículos non debería ser un problema, xa que as vías que o circundan contan coa suficiente capacidade para soportar o aumento de tráfico que se espera, pero si sería necesario aumentar as zonas de estacionamento.

2º.- Superficie:
A superficie catastral da finca e de 2.247 metros cadrados; pero en realidade a superficie da parcela ronda os 2.800 metros cadrados, xa que no catastro non figura como pertencente a parcela o vial de acceso dos autobuses que se atopa na parte posterior do edificio.

3º.- Planeamento:
Segundo o Plan Xeral de Ordenación a parcela ten un uso dotacional. As disposicións que lle afectan son as seguintes:

Art. 88.4. b) Admítese o cambio de uso dos equipamentos existentes, sempre que se manteña o carácter público dos mesmos.
Art. 111:
-Ocupación máxima da parcela: 50%
-Edificabilidade máxima: É de 1 m2/m2.
-Altura da edificación: Máximo de 3 plantas, medidas desde a rasante do terreo en contacto coa edificación.

4º.- Proposta construtiva: Xa que existe una importante diferenza de rasante entre a Avenida do Balneario e a Rúa Tras Campo da Feira, cabe a posibilidade de contar con tres alturas dentro do solar, a maiores de algún soto que en principio non sería preciso:

-A planta inferior tería a súa entrada desde a Rúa Tras Campo da Feira, e nela se ubicaría o aparcamento. Xa que a superficie do solar e de uns 2.800 metros, este aparcamento podería albergar entre 100 e 120 turismos aproximadamente, cantidade máis que suficiente para as necesidades da edificación, e mais tendo en conta que unha gran parte dos usuarios da instalación poderían acceder a pé.
- A planta intermedia, a que tamén se accedería ao nivel de calle desde a Rúa Tras Estación de Autobuses.
- Unha planta alta, ao nivel da Avenida do Balneario.

De acordo con esta proposta poderíanse alcanzar sen dificultade os 4.500 metros cadrados que se estiman necesarios para o novo Centro de Saúde, engadindo un aparcamento de mais de 100 vehículos; dito aparcamento sería tamén unha solución para os problemas de estacionamento na zona, xa que pode prestar servizo para as outras instalacións públicas da contorna, fundamentalmente para o Auditorio Manuel María, que se atopa na parcela inmediata.

CONCLUSIÓNS SOBRE A ESTACION DE AUTOBUSES COMO ESPACIO PARA ALBERGAR O CENTRO DE SAUDE.

-Adquisición dos terreos: Este punto e unha importante vantaxe, xa que se trata dun edificio de uso público, propiedade do Concello e xa cedido a Xunta de Galicia. O certo é que xa estaba previsto o seu cambio de uso, trasladando as actuais instalacións a unha nova intermodal na propia estación de Renfe. De esa forma o edificio so estaría pendente da autorización municipal dun cambio de uso por parte da Xunta.

-Obras a realizar: Deberíase estudar a demolición da actual edificación, ou a posibilidade de conservar a súa estrutura, en parte ou na súa totalidade. Xa que o solar da a tres rúas, e que existe unha importante diferencia de cota entre a súa fachada principal e a traseira, existe a posibilidade de acceder as súas plantas sempre desde o nivel da rúa, o que mellora significativamente a súa accesibilidade.

-Ubicación: Atópase moi cerca do centro urbano, o que permitiría que unha gran parte dos usuarios puidesen acceder a pé, pero tamén a carón da vía urbana de maior anchura da vila (25 metros) polo que acceso en vehículo particular ou ambulancia sería moi sinxelo, sempre e cando se solucionaran as necesidades de estacionamento, o que se lograría co aparcamento para mais de 100 vehículos (sen ter que recorrer a construción de sotos).

-Planeamento: Esta proposta conta coa vantaxe de que xa se trata dun solo dotacional, cuxo cambio de uso non suporía maior problema. Pola contra, as normas sobre ocupación e edificabilidade máxima da parcela poderían facer inviable este proxecto. Entendemos que a Lei 3/2016, de 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, permitiría salvar esta dificultade nun período moi curto de tempo, evitando as restricións que hoxe fixa o planeamento municipal.