Unha veciña denuncia ante o xulgado ao alcalde e secretaria municipal do Irixo por supostas irregularidades na exposición pública de proxectos de parques eólicos, para que a xustiza abra unha investigación.
A autora da denuncia ante o Xulgado do Carballiño afirma que "o Concello de O Irixo debía remitir á Xunta de Galicia unha certificación informando da realización do trámite de exposición pública da documentación dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco proxectados entre os Concellos de Lalín e O Irixo. Nesa certificación debería de acreditarse o lugar e período no que estivo exposta a documentación e indicar as alegacións recibidas".
Asemade, manifesta que "o concello de O Irixo parece que emitiu esa certificación faltando á verdade pois neste Concello a documentación destes parques eólicos nunca estivo exposta. Unha veciña de O Irixo recibiu notificación por escrito nese sentido comprobando que o Concello certificaba unha falsedade. Esta persoa comprobou directamente o día 23 de decembro nas dependencias do Concello de O Irixo que a documentación non estaba exposta e presentou escrito deixando constancia delo. Posteriormente, o día 30, tentaron enganala algún funcionario e o propio Alcalde manifestando que o día que acudiu esta veciña ao Concello a documentación sí estaba exposta" Na denuncia póñense os feitos en coñecemento da xustiza para que valore se os mesmos son delicto e abra unha investigación.
A denunciante fai constar no escrito presentado ante o Xulgado do Garda do Carballiño que "o acontecido pode supoñer un posible delicto de Prevaricación cometido polo Alcalde e un posible delicto de falsedade en documento público cometido pola Secretaria do Concello. O Alcalde, Manuel Cerdeira Lorenzo, dictou conscientemente unha resolución faltando á verdade e incumpriu á súa obriga de proceder á exposición pública da documentación, trámite que deliberadamente omitiu por completo, impedindo así que a veciñanza puidera coñecer os proxectos e presentar alegacións dentro do prazo de 15 días que había para elo, entre os días 9 e 29 de decembro".
Mesmo asegura que "falta á verdade a Secretaria do Concello de O Irixo cando emite un informe no que afirma en relación á documentación dos parques eólicos que ao afirmar que estivo exposto ó público nas dependencias municipais dende o día 8 de decembro de 2021 ata o día 29 de decembro do mesmo". A veciña denunciante tamén manifesta que "a actuación da Secretaria do Concello resúlta totalmente incomprensible pois tiña todo o necesario para certificar a realidade do acontecido, polo que ou ben falta á verdade conscientemente, ou ben actúa con imprudencia grave".
"A Secretaria tivo a oportunidade de comprobar directamente se a documentación dos parques eólicos, que é voluminosa, estaba a exposición pública pois, ao parecer, acude ao Concello de O Irixo os martes de cada semana. Polo tanto no mes de decembro debeu pasar polo Concello de O Irixo os días 7, 14, 21 e 28 de decembro. Non se entende polo tanto que extenda a certificación a partir dos informes que se lle facilitaron, pero en todo caso a responsabilidade da certificación é da Secretaria do Concello que, ou ben minte, ou ben actúa con grave imprudencia. Tampouco se entende como certifica que o día 8 de decembro a documentación estivo exposta ao público cando ese día era festivo e o Concello non abriu as súas portas, esto último demostra que a Secretaria certificou á conveniencia do que lle pediron fabricando burdamente unha certificación contraria á verdade afirmando incluso que o día festivo o público podía acceder a ela, algo materialmente imposible", recolle o escrito desta veciña.
A documentación á que a denunciante afirma non estivo en exposición pública é a seguinte: Proxecto de execución do Parque Eólico de Valdepereira (1770 folios), Proxecto de execución parque eólico Pico Seco y su línea de evacuación (1068 folios), Proxecto de Interese Autonómico parque eólico de Valdepereira (229 folios), Proxecto de Interese Autonómico parque eólico de Pico Seco (265 folios), Relación individualizada de bienes y derechos afectados parque eólico Valdepereira (18 folios), Relación individualizada de Bienes y Derechos afectados (13 folios), Cronograma (1 folio), Estudio sobre a avifauna común aos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco (26 folios), Estudo de impacto ambiental común aos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco (150 folios), Patrimonio Cultural común aos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco (184 folios).
Finalmente subliña que "ningún deses documentos estivo dispoñible ao público durante os días establecidos nin no Concello de Lalín nin no Concello de O Irixo".